Lupe Murillo, sobre os obxectivos do Pontevedra: "Aspiramos a todo"

Pontevedra
09 de outubro 2020

A presidenta granate aproveitou a presentación da campaña de socios para repasar a actualidade do club. Entre outros asuntos e a pesar da complicada situación que a pandemia provocou a nivel económico tamén o deporte, defende que a aposta por un equipo ambicioso é sostible

Lupe Murillo na presentación da campaña de socios 20/21 do Pontevedra CF Mónica Patxot

A presidenta do Pontevedra Club de Fútbol, Lupe Murillo, aproveitou a presentación da campaña de socios para repasar a actualidade da entidade, deixando algunhas reflexións interesantes.

No medio dunha complicada situación económica xeral, tamén no deporte pola influencia da COVID, a dirixente defende que a aposta por crear un equipo ambicioso é algo sostible.

"Dixen nunca deixarei este club con 1 euro máis de débeda do que o collín, e sígoo mantendo", asegurou.

Murillo emocionouse nun momento da rolda de prensa relatando o vivido os últimos meses e as mostras de apoio recibidas por moitos seguidores, tamén coa chegada de Charles, sinalando que ese sentimento "é o que somos, porque o Pontevedra é parte de nós".

"Creo que nos esforzamos máis que nunca por xerar ilusión", defendeu a presidenta porque "a pesar da adversidade o Pontevedra creu, pero necesita da axuda de todos", lanzou como mensaxe aos seguidores.

A nivel deportivo Lupe Murillo cre que se formou "un equipazo", pero é algo que "veremos no campo" e por ese motivo "hai que apoialo".

Ambiciosa como afai, e aínda que non quixo mencionar a palabra ascenso nunha campaña con tantas trampas no camiño, a presidenta do Consello de Administración granate si se referiu aos obxectivos: "Témolos todos. Aspiramos a todo", defendeu.