Lupe Murillo aos xogadores: "Quero que sexades un plantel de playoff e ascenso"

Pontevedra
16 de xullo 2019

A presidenta confía nas posibilidades do plantel e asegura que "se se dan as circunstancias", os xogadores "poden dar ese plus para ascender". O Pontevedra busca no mercado, polo menos, un porteiro e un defensa  sub 23

Primeiro adestramento do Pontevedra para a tempada 2019-2020 Cristina Saiz

O Pontevedra da tempada 2019-2020 xa está en marcha. Ás 19 horas da tarde do luns un grupo de trinta xogadores, 18 con ficha do primeiro equipo, dez xuvenís e dous a proba, púxose ás ordes de Luismi. Baixo a atenta mirada de medio centenar de afeccionados que acudiron para ver a primeira sesión do novo Pontevedra, os xogadores trotaron uns minutos sobre o céspede de Pasarón para logo realizar algúns exercicios lixeiros con balón, antes de afrontar nos próximos días unha forte carga de traballo físico para comezar a tempada en plena forma.

Antes da sesión preparatoria, a presidenta do club reuniuse co plantel para comparecer logo en sala de prensa e comunicar o traspaso de David Castro. Cuestionada sobre os obxectivos do equipo para o próximo curso, Murillo mostrouse ambiciosa. "Dixen só unha vez neste club que iamos ascender e deuse. Volvín repetirlles hoxe (por onte)  con estes reforzos quero que seais un persoal de playoff e de ascenso". 

Con todo, a mandataria quixo matizar as súas palabras debido a que ao longo da tempada inflúen moitas máis variables que a calidade dos xogadores ou o orzamento dos clubs. "Pódeno dar se nos sae todo ben e teñen sorte. O plantel da Cultural Leonesa era de cinco millóns, o nosoa non chegaba ao millón, e acabamos cos mesmos puntos. O diñeiro non o di todo pero hai unha chea de circunstancias que están na contorna, pero hai que poñer as vimbias para que esas circunstancias se déan. Se damos coa clave, pode darse e creo que este plantel pode dar ese plus para ascender. Estou con ganas de que os xogadores o crean", declarou, non sen deixar un recado aos seus por resultados do curso pasado como as estrepitosas derrotas diante do Unión Adarve ou o Salamanca. "Non podemos ir arrastrarnos a eses campos como fixemos a tempada pasada".

Sobre a composición do equipo falou o director deportivo Roberto Feáns para xustificar, en primeiro lugar, a ausencia de Pedro Vázquez, que tivo que ser intervido urxentemente de apendicitis mentres gozaba das súas vacacións en Estados Unidos. O extremo segue hospitalizado nese país e non se espera o seu regreso ata dentro duns días.

Dos dezaoito xogadores do primeiro equipo que iniciaron os adestramentos, Feáns asegurou que o club conta con todos, incluídos os xemelgos Barbeito que seguen pertencendo ao club aínda que poderían cambiar de aires se reciben unha oferta que satisfaga a todas as partes. Sobre os dez canteiráns que iniciaron a pretemporada, confirmou que algúns poden saír cedidos, pero antes serán avaliados polo corpo técnico e non descarta que algún acabe formando parte do persoal do primeiro equipo.

Finalmente explicou que hai dous xogadores a proba durante estas semanas. Trátase de Sergio, un carrilero zurdo de orixe colombiana; e Expósito, xogador do mesmo perfil pero que se desenvolve polo flanco dereito.

No apartado de altas, admitiu o director deportivo que chegará un porteiro sub 23 para competir o posto co capitán Edu Sousa e tamén deixou entrever que o club buscará no mercado un recambio de garantías para David Castro.

"Non queremos xogadores do Valencia Mestalla", asegurou Lupe Murillo tras ser cuestionada sobre as opcións de recibir cedido algún xogador da canteira valencianista como moeda de cambio pola marcha do lateral galego.