Luismi promete cambios no once do Pontevedra para recibir ao Sporting B

Pontevedra
04 de setembro 2019

O adestrador admitiu que houbo erros individuais no último partido, pero ve ao equipo disposto a corrixilos e con ganas de afrontar o próximo partido. As boas prestacións do Pontevedra como local farán que o adestrador opte por manter o sistema e só haberá cambios de nomes

O Pontevedra vence ao Coruxo no primeiro partido de liga Diego Torrado

A contundente derrota do Pontevedra fronte ao Racing de Ferrol do pasado sábado traerá consecuencias. A pesar de que o xogo do equipo non foi tan malo como para recibir un castigo tan severo, o adestrador granate, Luismi Areda, asegura que o once que recibirá ao Sporting B, o domingo ás 18 horas, presentará modificacións con respecto ao último partido.

Despois de derrotar ao Coruxo na primeira xornada, o preparador vigués optou polos mesmos homes para medirse ao Racing, algo pouco habitual a pasada tempada. O desenlace non foi o esperado e Luismi foi claro este mércores. "Haberá cambios", asegurou. Cuestionado sobre que clase de modificacións ten en mente, o técnico considera que o estilo de xogo do equipo en Pasarón está a funcionar, polo que os cambios será soamente de nomes. "Seremos un equipo agresivo con balón e sen balón, meténdolle ritmo ao partido e buscando portería contraria canto antes, sendo verticais e sen dar opción ao rival de contragolpear. Haberá cambios de home por home", explicou.

Neste sentido, un dos que máis papeletas ten para ser da partida é o mediocentro Álex Fernández, un dos máis destacados do partido da Malata. "Deunos o que necesitamos, máis control do xogo. Con balón deu solucións e alternativas que necesitabamos porque cando vas por detrás no marcador necesitas ter o balón e chegar á portería contraria. Álex ten talento e calidade para facelo. Foi un cambio, como o de Pedro e Álex González, que nos deu ese plus para tentar igualar o partido", admitiu o preparador.

Co partido contra o filial branquivermello en mente, Luismi ve aos seus homes "con ganas de volver competir porque cando vés dunha derrota o que queres é que chegue canto antes o domingo", recoñece. Así mesmo, está seguro de que os xogadores "aprenderon dos erros e están centrados no partido contra o Sporting".

Sobre a extraordinaria vitoria do próximo rival que pisará o céspede de Pasarón, que derrotou por cinco a cero ao Sanse, Luismi asegura non sentirse asustado pero advirte que "como te durmas pasaralo mal, é un rival ao que non é fácil facerlle cinco goles. O Sporting é un equipo dinámico, que ten talento e mozos que tentan chegar ao primeiro equipo. É un rival perigoso" remarca.

A pesar do irregular arranque de tempada, Luismi insiste en que todos os equipos están aínda faltos de ritmo e lonxe do seu mellor nivel. "Temos que ir en liña ascendente, falta coller o ritmo necesario. Creo que imos ir a máis. Aínda así o equipo, a nivel intensidade e ritmo con balón, estivo correcto. A nivel individual houbo momentos que nos penalizaron moito", reflexionou sobre o último partido.

PECHE DE MERCADO

A medianoite do luns pechouse o mercado de fichaxes nas principais ligas europeas, algo que non afectou especialmente ao Pontevedra que conseguira pechar o seu persoal con máis dun día de antelación. Con todo, as dúas últimas incorporacións aínda non están integradas no grupo. O mediocentro hondureño Alfredo Mejía regresou ao seu país por problemas burocráticos que xa están solucionados. Luismi espera telo de novo ás súas ordes a finais desta semana.

Menos coñecido é o central marroquí Jaouad Erraji, que non chegará a Pontevedra ata a próxima semana ao atoparse concentrado coa selección sub 23 do seu país. "Pode xogar tanto de central como lateral ou pivote defensivo, tamén pola esquerda. É moi forte fisicamente e despraza ben coas dúas pernas, é agresivo, intenso e vainos a dar un plus. Dá moitas alternativas e solcuiones ao adestrador", concluíu Luismi