Luismi, confirmado por unha tempada máis como adestrador do Pontevedra

Pontevedra
23 de maio 2019

O club granate anunciou o acordo co técnico para que siga sendo o inquilino do banco de Pasarón e comande o novo proxecto deportivo. Intensa xornada de negociacións co plantel tras o último adestramento da tempada

Luismi y Roberto Feáns, no último adestramento do Pontevedra CF 18/19 PontevedraViva

Primeira incógnita resolta. Luís Miguel Areda 'Luismi' seguirá sendo adestrador do Pontevedra Club de Fútbol a próxima tempada.

O club anunciou este xoves, tras o último adestramento do curso, o acordo co técnico para que siga ocupando o banco de Pasarón un ano máis e comande o novo proxecto deportivo, o seu segundo proxecto desde o inicio tras a súa chegada na metade da liga 16/17 para substituír no cargo a Luisito.

Non foi unha negociación longa, xa que os contactos entre ambas as partes producíronse ao comezo da semana, sendo Luismi a primeira opción do Pontevedra tras cumprir o obxectivo de pelexar ata o final da competición por entrar no play-off de ascenso.

A do adestrador é a primeira pedra do novo proxecto deportivo, que estes días terá que dar importantes pasos para lograr as primeiras renovacións.

"Seguimos traballando para dar continuidade ao proxecto", aseguran desde a entidade, e iso pasa por tentar que un bo número de futbolistas do actual plantel  continuen. Neste aspecto, despois do adestramento celebrado este xoves no Estadio Municipal de Pasarón, os xogadores pasaron polas oficinas do club para manter un primeiro contacto coa directiva antes de iniciar as súas vacacións.

Polo momento, son seis os futbolistas que contan con contrato en vigor: Edu Sousa, Pedro Vázquez, Javi Pazos, David Castro, Romay e Mouriño, que regresará da súa cesión en Bouzas.

Na última sesión da tempada, o bo ambiente, as risas e as despedidas protagonizaron o partidiño celebrado sobre o céspede, no que participaron os membros do corpo técnico e tamén Roberto Feáns, conselleiro responsable da planificación deportiva. Todo iso con dous porteiros de excepción como foron Campillo e Adrián  Léon, que colleron as luvas entre as bromas dos seus compañeiros antes de finalizar cunha foto de grupo a modo de despedida.