Luismi aposta pola posesión e por un Pontevedra que "sexa dominador dos partidos"

Pontevedra
03 de xaneiro 2018

Que estilo de xogo quere implantar Luismi no Pontevedra? O novo técnico granate empeza a debullar as súas ideas e o que espera ofrecer ao público de Pasarón para demostrar que está capacitado para dirixir un banco de Segunda  B tan esixente como o pontevedrés

Luismi dirixe o primeiro adestramento do Pontevedra tras o Nadal Mónica Patxot

Unha vez confirmado como o encargado de dirixir ao Pontevedra na súa volta á competición, Luismi centra xa toda a súa atención no choque do próximo domingo (17:00 horas) ante o Celta B, no que espera empezar a aproveitar a oportunidade que se lle brindou e demostrar que está preparado para asumir un banco de Segunda B coa esixencia do granate. Non poderá contar para a cita con Kevin por sanción, mentres que Prosi é dúbida por molestias musculares, pero máis aló diso o importante agora é coñecer cales serán as súas ideas mentres permaneza no cargo e que verá o público de Pasarón.

- Despois de máis dunha semana dirixindo ao equipo, como vai o proceso de adaptación?

Pois levamos toda a semana preparando o partido, implantando o modelo de xogo que queremos desenvolver e collendo conceptos para que os futbolistas consigan facer un bo partido e plasmar o que se traballou durante a semana para sacar o máximo rendemento.

- Falas de implantar un modelo de xogo, que é quéreo propoñer Luismi no Pontevedra?

O que quero é que o noso equipo sexa o dominador dos partidos, que tente ter o control do xogo a partir da posesión de balón, que é tamén a mellor maneira de defender, e ao mesmo tempo cando perda o balón tentar recuperalo canto antes. Para iso necesitamos xuntarnos rápido, ser un equipo agresivo, intenso na recuperación para non darlle opcións ao rival de achegarse á túa portería. Esa é a idea, evidentemente durante o partido hai momentos que che levan a que adoptes outra forma de xogar pero o aceno de identidade vai ser ese, témolo claro.

- E como tomou o plantel esta idea?

O importante é que ao futbolista gústalle a proposta, gústalle a nosa intención de ser os dominadores dos partidos e levar o control do xogo mediante a posesión e ser un equipo agresivo con balón e sen balón.

- Hai xogadores para tentar xogar desa forma?

Si, hai moita calidade no plantel, con futbolistas dun talento enorme. Si que o vexo, senón sería o primeiro en adaptarme a eles e tentar outro modelo, pero non o vexo así, teñen unha capacidade enorme e véxoos ben.

- No teu primeiro adestramento sinalabas que era importante recobrar a confianza, conseguiuse?

Eu estou supercontento con eles, non sei o que pasará o domingo pero vexo ao plantel cunha enorme ilusión, unhas ganas tremendas, cun grao de implicación tremendo... Véxoos de verdade moi ben, moi receptivos á información que lles estamos dando, de dez.

- Pensando xa no Celta  B, non será un rival sinxelo para empezar.

Esixente, moi esixente como todos os da categoría pero non cabe dúbida de que se o Celta B vai aí arriba e é porque as cousas están a facelas ben. Imos ter que estar moi concentrados, moi metidos no partido, tendo a idea moi clara do que queremos, pero se o equipo está ben e fai o que estamos a traballar confío nos xogadores e seguro que imos darlle unha alegría á nosa xente.