Luisito: "Válenos o empate, pero hai que gañar"

Pontevedra
21 de maio 2021

O Pontevedra xógase este domingo, a partir das 12 horas, a súa continuidade na 2ª RFEF. Os granates non poden perder contra o Oviedo  B senón queren caer ao quinto chanzo do fútbol nacional, pero  Luisito non poderá contar para o transcendental choque con Oier Calvillo por sanción e tampouco cos lesionados Adrián Cruz, Santi Figueroa e Charles

Partido entre Pontevedra e Sporting B en Pasarón Cristina Saiz

Só pode quedar un. Pontevedra ou Oviedo B. O derrotado acabará en 3ª RFEF e no vestiario granate están dispostos a dalo todo para salvar unha tempada que comezou coa ilusión de ascender a Segunda División e terminará, no mellor dos casos, co alivio da permanencia en 2ª RFEF.

Para logralo aos de Pasarón sérvelles con empatar, pero o equipo saltará ao céspede o domingo ás 12 do mediodía coa intención de ser mellor que o rival, gañar e redimirse ante unha afección que ofrecerá a mellor entrada da tempada do estadio. O adestrador do Pontevedra, Luisito, teno claro. "Vale o empate, pero hai que gañar. Eu non sei plantexar un partido a non gañar. A miña mentalidade non me permite saír a un campo para empatar. Vou sacar o mellor once que teña para gañar. Non imos reservar nada. Son 90 minutos onde todos temos que dar a mellor versión de nós", deixa claro o preparador de Teo.

Terán que conseguilo sen a achega do sancionado Oier Calvillo e coas baixas por lesión de Adrián Cruz, Santi Figueroa e Charles. O dianteiro brasileiro arrastra problemas nunha dos seus xeonllos e o adestrador non o ve en condicións para ser titular, mentres que o lateral arrastra fortes dores nas costelas que lle impiden estar ao mesmo nivel que os seus compañeiros.

Resta importancia Luisito ás baixas. "É unha final, con tal de ter once chégame porque van dar a mellor versión deles, estou convencido. Serei dos poucos que teña fe neste equipo, pero tereina ata o final", remarca o técnico granate, que pon en valor o traballo realizado polos seus xogadores durante toda a semana. 

A presión, os nervios e o medo ao descenso tampouco serán escusa. "Senón te motivas con estes partidos é imposible. Son 90 minutos nos que hai que morrer, pero hai que xogar ao fútbol e ser mellor que o rival", puntualiza Luisito, seguro de que se os seus xogadores renden como no último partido, esta vez, si conseguirán a vitoria. "Pero hai que estar acertado porque non hai equipo en España que xerase tantas ocasións de gol e recibise tan pouco premio como nós", lamenta.

Sobre o rival, admite o preparador do Pontevedra que teñen un "once con moi bos futbolistas", entre os que destaca ao máximo goleador, Javi Cueto, que xa debutou co primeiro equipo en Segunda División. Aínda así, "se a un partido imos ter medo, estamos mortos. Temos que xogar como sabemos e respectando ao rival", matiza.

Para achegar un extra de motivación, forza e ánimo estará a afección. A inchada granate deixará ao carón a frustración polo transcurso da campaña para estar cos seus xogadores e, entre todos, evitar o descenso. Luisito non ten ningunha dúbida de que o apoio da bancada será decisivo. "A afección vaise portar ben. Pero a esta afección non lle podemos dicir absolutamente nada. Eles son soberanos e senón gústalle van dicir que non está conforme co que están a ver. Eu nunca lles direi nada e a esta afección menos porque cara á miña e cara á o Pontevedra sempre tiveron un comportamento de dez", sostén.

O adestrador móstrase tamén autocrítico e comprensivo polo malestar co rendemento do equipo. "Á afección motívaselle xogando ao futbol e gañando. O futbol só é gañar, gañar e gañar. E a min gústame gañar xogando ben, pero á afección engánchala gañando partidos", declara.

Tampouco lle sorprende a Luisito chegar ao último partido nesta situación. "Nunha liga de 38 xornadas acabariamos arriba, pero a 18 e que cando eu cheguei faltaba moi pouco, o mínimo erro penaliza moito. Isto é unha estafa ao fútbol. Pero é a realidade e sabiámolo a principio de tempada. Se gañásemos eses dous primeiros partidos en casa estariamos noutra situación", quéixase o preparador, quen só pensa agora en salvar ao Pontevedra sen preocuparse pola súa continuidade na próxima tempada. "O Pontevedra para min significa moito. Senón fose o Pontevedra, coa miña saúde non seguiría adestrando", remata en referencia ao trombo que arrastra desde a súa chegada a Pasarón e do que aínda non se recuperou.