O primeiro equipo do Pontevedra xa mira cara a adiante intentando centrarse no partido de ida da semifinal polo ascenso ante o Manzanares manchego no que será "un partido dificilísimo ante un rival que mentalmente é fortísimo", sinalou Luisito.
O técnico de Teo analiza ao Manzanares como "un rival moi físico que mete o 75% dos goles a balón parado", polo que ten claro que hai que evitar no José Camacho "os saques de banda, esquina e faltas laterais" en zonas perigosas para despois "apertar os dentes", explicou.
Luisito asegura que os xogadores están recuperados do golpe sufrido o pasado domingo, aínda que segue moi presente na súa memoria un partido que "volvín a ver o partido dúas veces e doume máis conta de que foi unha estafa, unha vergonza, non sei como o público aguantou o que aguantou", comentou aínda indignado ao termo do adestramento celebrado na Xunqueira.
Luisito: "Pontevedra demostroume que é un club de outro mundo e outras dimensións"
Con todo o preparador granate queda coa resposta do público, ao que lles pide "que fagan un último esforzo porque os futbolistas o merecen" ao tempo que recoñece que "Pontevedra demostroume que é un club de outro mundo e outras dimensións".
De volta ao choque de Manzanares, Luisito descarta a Adrián por causa da lesión muscular sufrida ante o Mensajero pero non a Carnero, que traballa á marxe pero que viaxará agardando pola súa evolución: "O sábado tomarei unha decisión", recoñeceu.
Toda o equipo desprazarase a terras manchegas tras o adestramento programado o venres pola mañá.
ENCHO UN AUTOBÚS DE AFECCIONADOS
A pesar da longa viaxe que lles espera, o Pontevedra estará acompañado polos seus afeccionados en Manzanares, xa que que o club granate confirmou que se encheu o primeiro autocar fretado para os seus seguidores.