Luísa Mayara pasa polo quirófano coa ilusión de xogar o play-off polo título co Poio Pescamar

Poio
09 de xuño 2022

A futbolista brasileira do Poio Pescamar someteuse a unha leve intervención para solucionar as molestias que arrastraba desde hai dous meses no seu xeonllo. Agora, cun curto período de convalecencia previsto, non dá por perdida a tempada á espera de que as súas compañeiras logren a fin de semana a clasificación para a final a catro polo título de liga

Luísa Mayara, tras ser operada do xeonllo esquerdo Poio Pescamar FS

O Poio Pescamar conta as horas para vivir a última xornada de liga e apurar as súas opcións de clasificarse para o play-off polo título de liga na Primeira División, para o que necesita vencer no seu partido en Móstoles e que non o faga o Melilla.

Nesa final non estará Luísa Mayara, que esta semana se someteu a unha leve intervención cirúrxica para solucionar as molestias que arrastra no seu xeonllo desde o partido que enfrontou ás vermellas co Universidad de Alicante a principios do mes de abril.

Trátase en todo caso dunha lesión que lle estivo molestando desde entón, sen chegar a recuperarse, polo que finalmente decidiu operarse para solucionar o problema definitivamente.

Unha vez tratada, supoñerá un período de convalecencia mínimo, de ao redor de 10 días, polo que a futbolista brasileira aspira a poder disputar a final a catro polo título no caso de que o seu equipo logre asaltar a cuarta posición na última xornada da tempada regular.

A ausencia de Mayara será a única baixa prevista do Poio para ese importante encontro.