Luci salva o Poio Pescamar a 15 segundos da final fronte ao Melilla nun ensaio para o play-off (2-2)

Poio
13 de maio 2023

O conxunto vermello afástase a tres puntos do liderado e aperta a loita pola segunda praza tras ceder un empate na Seca ante o cuarto clasificado, un Melilla que tamén pelexará polo título de liga

Partido de liga entre Poio Pescamar e Ourense Envialia na Seca Cristina Saiz

O liderado afástase a tres puntos para o Poio Pescamara dúas xornadas do final da liga regular tras o empate que as vermellas cederon este sábado na Seca fronte a outro dos equipos xa clasificados para o play-off polo título, un Melilla que ten asegurada a cuarta posición.

No caso do Poio, está aínda por ver cal será a súa posición final, pero todo apunta xa a ter que defender o segundo lugar fronte a un Burela que aperta por detrás.

Máis aló diso, o choque deste sábado era todo un ensaio xeral para dous equipos que van pelexar polo campionato, e así se viu na igualdade que reinou sobre a pista.

Tras varias alternativas as locais goleparon primeiro cun gol de Laura Uña de volea aos 8 minutos á saída dun córner.

Puido ampliar rendas o Poio Pescamar, sobre todo coa oportunidade que brindaba a quinta falta visitante a máis de 6 minutos para o descanso. Con todo o que chegou foi o empate do Melilla, por medio de Lydia no minuto 17.

Con táboas chegaríase ao descanso, e a máxima igualdade manteríase ata a fase decisiva do duelo.

Así, a falta de 4 minutos, Luís López-Tulla arriscou en busca do triunfo dando entrada ao xogo de cinco. Saíulle mal e o Melilla puido adiantarse co 1-2 a portería baleira.

Faltaban dous minutos e o Poio Pescamar non se rendeu, atopando o premio do empate a só 15 segundos do final, cun tanto de Luci que facía xustiza.