Louzán presenta oficialmente os avais para optar a presidir a RFEF

Pontevedra
03 de decembro 2024

O presidente da Real Federación Galega de Fútbol e ex-presidente da Deputación de Pontevedra é un do tres candidatos que presentaron os avais para optar a dirixir o fútbol nacional

Rafael Louzán, presidente da RFGF Real Federación Galega de Fútbol

Xa é oficial. Rafael Louzán optará a presidir a Real Federación Española de Fútbol (RFEF).

Tras xornadas de moito movemento, nas que segundo os medios que cobren a información deportiva a nivel nacional o presidente da Real Federación Galega de Fútbol e ex-presidente da Deputación de Pontevedra situouse como un dos favoritos a optar dirixir o fútbol español, este martes Louzán formalizou as súas intencións presentando os avais necesarios para concorrer ás eleccións federativas.

Ás 17.00 horas finalizaba o prazo para entregar os citados avais de forma presencial, e Louzán así o fixo recollendo o apoio de boa parte dos 'baróns' territoriais.

Tamén, segundo indican desde a capital de España, fixérono Sergio Merchán, presidente da Federación Extremeña, e Salvador Gomar, da Valenciana.

No caso do primeiro, faríao como alternativa ao propio Louzán no caso de que antes do día das eleccións se produza unha inhabilitación por parte do Tribunal de Arbitraxe do Deporte (TAD).

Esta dúbida mantense pola sentenza da Audiencia Provincial, recorrida ao Supremo e polo tanto aínda non firme, que lle impuxo en 2022 unha pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público relacionado con calquera cargo nas administracións públicas durante sete anos, tras un xuízo relativo ás irregularidades nas obras dun campo de fútbol en Moraña cando presidía a Deputación.

Unha vez formalizada a súa candidatura, e á espera de posibles movementos por parte do Consello Superior de Deportes, as eleccións á presidencia da Real Federación Española de Fútbol están fixadas para o próximo 16 de decembro.

Serán os membros da Asemblea Xeral da RFEF, recentemente elixida e na que sentará entre outros o presidente do Arosa como representante dos clubs non profesionais, os que elixirán entre o tres candidatos o próximo presidente federativo.