Cun gran sorriso por dalo todo e polo seu gran rendemento. Así cruzou a meta este venres Lorena Patiño tras participar na proba júnior feminina de Cros Country Olímpico (XCO) do Campionato do Mundo de Mountain Bike (MTB) que se está a celebrar na estación de esquí de Pal Arinsal, en Andorra.
A ciclista marinense do XSM foi unha das grandes protagonistas da carreira, rozando o Top-10 a pesar de partir nunha das últimas posicións no que é o seu primeiro ano na categoría júnior.
Patiño partía no posto 42 de 60 participantes, unha situación que facía moi complicado aparecer pola zona de cabeza. Con todo aos poucos e cun gran ritmo, foi deixando rivais atrás para gañar máis de 30 posicións ao longo da carreira.
"Como nos fixeches gozar, Lorena! Remontando máis de 30 posicións ante as mellores do mundo!", celebraba nada máis entrar en meta a Real Federación Española de Ciclismo.
#PalArinsalAndorra2024 | ¡Cómo nos has hecho disfrutar, Lorena!
— Real Federación Española de Ciclismo (@RFECiclismo) August 30, 2024
¡Remontando más de 30 posiciones ante las mejores del mundo!
¡Enhorabuena!#TeamESPciclismo pic.twitter.com/OUFZSgHJK3
Non é para menos, xa que a marinense finalizou no undécimo posto a 3 minutos e 34 segundos da vencedora, a eslovaca Viktoria Chladonova.
Con esta carreira finaliza a participación de Lorena Patiño no seu primeiro Mundial de MTB, no que tamén foi parte do equipo mixto de remuda que foi décimo na súa proba.