O deporte pontevedrés perdeu este martes a un dos seus referentes, Maite Méndez, adestradora do Club Baloncesto Arxil.
Desde a entidade pontevedresa confirmaron o falecemento aos 62 anos de idade da que foi preparadora do primeiro equipo pontevedrés as últimas 24 tempadas, ademais dunha das alma máter da entidade.
"Maite guiou a numerosos xogadores e adestradores de todas as categorías no seu desenvolvemento deportivo e persoal converténdoa nun referente. O seu compromiso co crecemento do baloncesto na nosa rexión foi exemplar, e o seu legado perdurará nas xeracións vindeiras. Deixou unha pegada indeleble no baloncesto galego coa súa paixón, dedicación e traballo", asegura o Arxil.
A noticia caeu como un duro golpe na familia arxilista, que esta mesma semana debía afrontar a fase de ascenso á Liga Feminina Challenge.
De feito o primeiro partido do equipo no citado play-off está previsto para este xoves 25 ás 18.15 horas en Zaragoza fronte ao Mipelletymas BF León.
O funeral na súa memoria celebrarase este mércores 24 de abril ás 17.30 horas da tarde na igrexa pontevedresa de San Bartolomé, mentres que o velorio terá lugar no Tanatorio Pontevedra, en San Mauro.
O Arxil convidou neste sentido a "categorías inferiores, amigos, compañeiros e membros da comunidade para asistir ao velorio vestindo roupa verde, en honra a Maite e a súa paixón polo baloncesto".
As mostras de condolencia e agarimo cara ao Arxil e a familia de Maite Méndez non tardaron en chegar desde diferentes clubs e personalidades da Boa Vila.