A tempada xa acabara para o Arxil pero aínda faltaba por confirmarse a decisión da Federación Española de Baloncesto sobre como sería a campaña do ano que vén en canto ao número de grupos e de equipos que formarían a Liga Feminina 2.
Este venres coñeceuse a resolución despois da reunión telemática da Comisión Delegada da FEB de forma complementaria aos encontros mantidos cos clubs das diversas ligas e ás reunións cos Presidentes de Federacións Autonómicas.
A conclusión á que se chegou é que non haberá descensos esta tempada pero manteranse os ascensos. En canto a eles, vai disputarse unha Fase de Ascenso, a condición de que, ao 25 de Maio, a FEB teña a confirmación de que se poderá xogar antes do 30 de xuño.
Estas medidas súmanse á de como estará formada a Liga Feminina 2 o curso 2020-2021. A decisión que tomou a Comisión é a de ampliar a competición a 36 equipos e dividir a categoría en tres grupos de 12 equipos cada un, o que supón un aumento de 8 equipos con respecto á campaña anterior.
"Me siento utlizado por la Federación", recoñece Lino Vázquez, directivo do Arxil e representante dos clubs, que solicitou a formación de dous grupos ante as dificultades que supoñería outra decisión.
O directivo tivo unha reunión esta semana coa FEB e outros 5 equipos da categoría (Ferrol, Celta, Alcobendas, Ardoi e Gran Canaria), na que cada un expuxo a súa opinión sobre a fase de ascenso e a tempada que vén, "lo que no sabíamos es que fue una votación", asegura.
Arxil, Alcobendas e Gran Canaria coincidiron en facer só dous grupos, mentres que o Celta comunicou que "en último caso" se podían facer tres. Pola súa banda, o Ferrol quería que houbese 30 equipos e tres grupos de 10 "pero mejor dos grupos de 16" comenta Lino Vázquez. En canto ao Alcoi de Navarra, é o equipo que máis quilómetros fai da categoría, e "preferían tres grupos de 12 equipos cada uno".
A pesar diso, a decisión xa está tomada e o directivo arxilista sente "engañado" e "preocupado" por como vai repercutir esta decisión ao futuro do club e do baloncesto feminino. "Va a haber menos jugadoras para escoger, menos subvenciones y menos dinero para fichar", explica.
O que ten claro é que a resolución é mala, "el nivel deportivo va a bajar, queríamos que hubiera nivel y ahora vamos a retroceder".