Hai meses que non pertence ao Pontevedra Club de Fútbol, pero a súa historia non deixa de, canto menos, espertar curiosidade nos afeccionados granates.
Tras un período de inactividade, Libasse Guèye volve sentir futbolista regresando ás súas orixes, a Senegal.
O extremo, que no verán finalizou o seu contrato de dúas tempadas na Boa Vila, atopou este mes de decembro equipo en Ligue 1 de Senegal, a máxima categoría.
Fíxoo ademais co actual campión, o Teungueth Football Club, polo que se comprometeu para os dous próximos anos.
Con só 21 anos ás súas costas, aínda que parezan máis tras o vivido en Pontevedra, Guèye buscará de novo preto da casa reengancharse ao fútbol profesional. Aínda non debutou, pero acumula semanas de adestramentos cos seus novos compañeiros.
O Teungueth Football Club é un equipo da cidade de Rufisque, localidade costeira que pasa por ser a cuarta cidade por poboación do país africano, e marcha actualmente na cuarta posición de Ligue 1.
Na súa etapa en Pontevedra Libasse Guèye non deixou indiferente a ninguén, sobre todo tras o pulso que botou na súa primeira campaña á entidade granate para tentar rescindidir o seu contrato despois de brillar no último partido do ano cun dobrete na Copa do Rei fronte ao Tenerife.
Uns meses despois daquela cita tivo que regresar a un club pontevedrés que se negaba a liberar os seus dereitos deportivos e que exercera a renovación automática do seu contrato.
Tamén se incorporou tarde o seguinte curso, no mes de novembro, o que lle fixo pasar a formar parte do filial en Terceira RFEF ata que o seu rendemento lle volveu a abrir as portas do primeiro equipo.
En total Guèye defendeu a camiseta do Pontevedra en 34 partidos oficiais entre Liga, Copa do Rei e play-off de ascenso, conseguindo dous goles (os dous fronte ao Tenerife en Copa). A iso súmanselle 12 encontros co segundo equipo contribuíndo con tres tantos.