Despois de varios meses sen noticias sobre Libasse Guéye, o futbolista senegalés reapareceu ao fío da medianoite do luns cunha mensaxe a través da rede social X (antes coñecida como Twitter) para dar a súa versión sobre as negociacións mantidas nas últimas semanas co Pontevedra, club co que ten contrato en vigor ata final da presente tempada.
A mensaxe, a descifrar nalgunhas das súas partes pola mala tradución ao español usada por Guèye, si deixa algún dardo claro cara á entidade de Pasarón.
"Hai dúas negociacións que fallan e a causa sempre é o aumento, querer máis. A última vez moita xente pensou que eu era culpable", empeza explicando o futbolista africano.
"Perdera a confianza dos meus compañeiros e foi difícil para min", afirma enténdese sobre o seu regreso na parte final da pasada tempada. "Só amo a Pontevedra e os seus habitantes, sempre dou o mellor de min mesmo no adestramento e no partido que xogo", continúa no fío compartido na rede social.
É na parte final do mesmo onde deixa as súas mensaxes máis contundentes, ao defender que "o meu destino está nas mans de Deus, non nas túas mans" e que "desde xullo estou a esperar o meu regreso e non podo esperar a atopar os meus compañeiros (di parellas por unha mala tradución), pero non me dan a oportunidade de volver".
Unha mensaxe que volve poñer na palestra un futbolista polémico, que levantou ampolas coa súa desaparación e posterior regreso o pasado inverno e que aínda segue vinculado contractualmente co Pontevedra, entidade que durante o verán ao ser preguntada en varias ocasións pola situación defendeu que se estaba a negociar a mellor solución posible para o club.