Libasse Guèye reaparece en Pontevedra seis meses despois adestrando co filial

Pontevedra
03 de novembro 2023

O dianteiro senegalés, con contrato ata final de tempada co club granate, incorporouse esta semana á disciplina do filial adestrado por Jesús Ramos tras varios meses de ausencia

Libasse Guèye, adestrando co Pontevedra na Xunqueira PontevedraViva

Case seis meses despois do final da pasada tempada, Libasse Guèye volve estar en Pontevedra.

O futbolista senegalés, con contrato ata final de tempada co Pontevedra Club de Fútbol, regresou esta semana á Boa Vila incorporándose aos adestramentos do filial granate ás ordes de Jesús Ramos, segundo adianta este venres a xornalista Carla Conde en Diario de Pontevedra.

Preguntado en multitude de ocasións por este caso, o club granate limitouse a asegurar nos últimos meses que se estaba a negociar co futbolista para resolver a situación, un silencio que se mantivo co seu regreso, levado co máis absoluto segredismo.

É un capítulo máis na tormentosa relación de Guèye e o Pontevedra, desde que o nadal pasado viaxase ao seu país e se declarase en rebeldía negándose a regresar esixindo a rescisión do seu contrato.

O senegalés acabou volvendo e pedindo desculpas a club e afección, pero a situación repetiuse no verán tras activar o Pontevedra unha prórroga unilateral no seu contrato. Desde entón non volvera pisar a Boa Vila.