Libasse Guèye entra en dinámica do primeiro equipo

Pontevedra
24 de xaneiro 2024

O extremo senegalés, con ficha esta tempada no filial do Pontevedra, foi a principal novidade este mércores no adestramento do primeiro equipo granate, ao que se incorporou tras as súas boas actuacións as últimas semanas en Terceira RFEF

Libasse Guèye, adestrando co Pontevedra no campo da Seca
Libasse Guèye, adestrando co Pontevedra no campo da Seca / PontevedraViva

O Pontevedra Club de Fútbol regresou este mércores aos adestramentos tras a habitual xornada de descanso dos martes, e fíxoo cunha novidade, a presenza en dinámica do primeiro equipo de Libasse Guèye.

O extremo senegalés púxose como un máis á ordes de Yago Iglesias, tras as súas boas actuacións co filial en Terceira RFEF nas últimas semanas, asinando tres goles nos tres últimos partidos.

Guèye regresou a Pontevedra o pasado mes de novembro tras meses de ausencia, e fíxoo integrándose no segundo equipo granate, onde se lle deu de alta federativa.

Agora, máis de dous meses despois e tras aumentar o seu nivel competitivo co segundo equipo, empeza a asomar a cabeza de novo polo primeiro plantel, aínda que de momento participando só nas sesións de adestramento.

Será o técnico, Yago Iglesias, o que decida agora se recorre a el para algún encontro en Segunda RFEF, pero mentres tanto todo apunta a que seguirá axudando o filial no seu obxectivo de lograr a permanencia na súa categoría.

ÁLEX GONZÁLEZ, A MENOR RITMO

O que segue exercitándose a menor ritmo que os seus compañeiros é o capitán granate, Álex González, baixa por lesión no último partido de liga.

As súas molestias, aínda que non parecen revestir gravidade, impídenlle polo momento traballar ao 100%, unha situación que lle mantén como seria dúbida para a próxima xornada de liga en Langreo.

No adestramento do mércores tamén se puido ver sobre o céspede da Xunqueira á recente incorporación anunciada para o filial, o dianteiro Fran López.