Apenas 20 días de vacacións tivo este ano Pablo Dapena, desde que a mediados do mes de decembro pechou a súa tempada no Challenge Daytona cun podio e asegurándose o terceiro posto en ranking anual desta franquía.
O triatleta pontevedrés, tres uns días de desconexión, iniciou unha nova pretempada coa concentración que o seu equipo, o BMC-Vifit Pro Team, realiza estes días no complexo Sands Beach de Lanzarote.
Os bos resultados de 2019, a pesar de ter que superar diversas incidencias en momentos importantes, cunha prata no Mundial de Longa Distancia de Pontevedra, o terceiro posto no ránking Challenge ou a súa participación no Mundial Ironman 70.3 de Niza, valéronlle a Dapena a renovación coa súa escuadra, unha das máis potentes do panorama internacional como demostra o nome dos seus compañeiros de equipo.
En Lanzarote Pablo Dapena comparte adestramentos co danés Kristian Høgenhaug, cuarto no Mundial de Longa Distancia de Pontevedra, un top-10 do Ironman de Hawaii como o esdadounidense Chris Leiferman, o sueco Patrik Nilsson e o australiano Max Neumann, ademais de Emma Pallant, Katrina Matthews e Chelsea Sodaro que compoñen o BMC feminino.
"Este é o cuarto ano de adestramento neste paraíso. Localización perfecta para comezar unha nova e interesante tempada", sinalou a través das redes sociais o actual subcampión mundial de tríatlon de longa distancia.
Nas Illas Canarias Pablo Dapena pretende poñer as bases dunha tempada na que terá varias citas marcadas en vermello no seu calendario, principalmente cara á parte final do ano como son o novo Mundial ITU de Longa Distancia que se celebrará o 12 de setembro en Almere (Holanda) ou o Mundial Ironman 70.3 que terá lugar o 28 de novembro en Taupo (Nova Zelandia), cita para a que o pontevedrés xa está clasificado.