'La Etapa de la Vuelta', 130 kilómetros de marcha cicloturista recorrerán a provincia o 23 de agosto

O Salnés
29 de maio 2013

Unipublic organiza por segundo ano un etapa para os afeccionados á bicicleta que se celebrará un día antes do comezo da Vuelta, con saída en Vilanova de Arousa e chegada no Miradoiro de Lobeira. A organización xa abriu o prazo de inscrición

Gravación do anuncio da Vuelta no Miradoiro de Lobeira Vuelta Ciclista a España

Os afeccionados ao deporte da bicicleta poderán sentirse partícipes da Vuelta a España 2013 grazas á iniciativa que organiza, por segundo ano, a empresa responsable da rolda española, Unipublic, bautizada como 'La Etapa de la Vuelta'.

Se trata dunha marcha cicloturista de 130 quilómetros con saída en Vilanova de Arousa e chegada no Miradoiro de Lobeira, en Vilagarcía, coa intención de que os amantes do ciclismo, segundo recolle Unipublic na web do evento, "participen no que será o primeiro grande evento da Volta 2013 recorrendo algúns dos quilómetros que só uns días despois servirán para vivir moitas das grandes imaxes que nos deixará a carreira. Ademais poderán sentir a sensación de ser actores principais dun dos grandes eventos deportivos do ano, porque Vilanova de Arousa e o Miradoiro de Lobeira serán saída e meta da primeira e a terceira etapa".

A marcha cicloturista celebrarase un día antes do inicio da competición profesional, o venres 23 de agosto, nun percorrido con tres altos de montaña de terceira categoría como son o Alto de Campo Lameiro, o Alto Carballa Redonda e o propio Miradoiro de Lobeira, pasando por localidades como Caldas de Reis, Santa Lucía de Moraña, A Estrada ou Cuntis.

Unipublic xa abriu o prazo de inscripión da proba e posto en marcha a web www.etapadelavuelta.com, onde pode atoparse toda a información e os formularios para poder participar. A tarifa de inscrición fixouse en 20 euros para os posuidores de licenza da Federación Española de Ciclismo e de 32 para os non federados, co único requisito de ser maior de 17 anos ou cumprilos en 2013.

Este xoves coñeceranse máis detalles do evento nun acto que se celebrará na Deputación Provincial no que estarán presentes Javier Guillén, director xeral da Vuelta a España, e Charles Ojalvo, responsable da 'Etapa de la Vuelta'.