Julián Calero, adestrador do Levante: "Pasarón é complicado estea na categoría que estea"

Pontevedra
11 de outubro 2024

O técnico levantino valarou este venres o cruzamento cos granates na Copa do Rei, que se xogará a eliminatoria única nun Estadio Municipal de Pasarón ao que "fun como xogador, como adestrador e como segundo adestrador", recoñeceu

Rolda de prensa de Julián Calero, adestrador do Levante
Rolda de prensa de Julián Calero, adestrador do Levante Levante UD

Aínda faltan un par de semanas para a cita, que por ter non ten nin horario confirmado, pero tanto Pontevedra Club de Fútbol como Levante UD empezan a mirar cara ao duelo que lles medirá na primeira rolda da Copa do Rei.

Julián Calero, adestrador do equipo levantino, valorou este venres o resultado do sorteo, asegurando que a eliminatoria contra os granates será un reto "complicado".

"Encántame Pontevedra. Fun alí como xogador, como adestrador, como segundo adestrador... Gústame o costume de viaxar a Galicia, é un desprazamento bonito pero é certo que desde Valencia está moi lonxe", afirmou queixándose da viaxe a completar nunha fase da tempada con moitos partidos, pois o Torneo do K.O. chegaralles despois de xogar entre semana en liga contra o Deportivo "e domingo co Granada".

En todo caso e aínda que "non tivemos sorte na distancia", Calero asegura que "me encanta o rival e creo que é un rival que nolo vai a pór difícil. Ir a Pontevedra, o que non coñeza Pasarón, o que non coñeza o estadio ou non coñeza aquilo non sabe que é complicado estea na categoría que estea, e ademais vai haber ambiente de Copa do Rei", valorou.

Como primeiro adestrador o actual técnico do Levante en Segunda División visitou o coliseo granate en dúas ocasións, unha adestrando o Navalcarnero (1-1 na tempada 17-18) e outra á fronte do Rayo Majadahonda (2-1 na 19-20).

En canto á data final do encontro "entendemos que será mércores ou xoves porque logo volvemos xogar o luns contra o Málaga", afirmou o preparador defendendo que tentarán "facer a mellor Copa que se poida".