Juan Señor: "Vou seguir ao redor do fútbol, o que non che podo dicir é se aquí ou onde"

Pontevedra
27 de maio 2023

O adestrador do Pontevedra mostrouse na rolda de prensa posterior á partida fronte ao Deportivo "satisfeito cuns xogadores que demostraron a súa profesionalidade e compromiso"

Juan Señor, na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón Mosrey Fotografía

O aínda adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Juan Señor, mostrouse na rolda de prensa posterior ao encontro fronte ao Deportivo "satisfeito cuns xogadores que demostraron a súa profesionalidade e compromiso".

O técnico en todo caso afirmou que "non podo estar contento" ao non poder lograr o obxectivo da permanencia aínda que "este reto era moi complicado, pero acepteino e non me arrepinto", afirmou.

"Nin aínda poñéndoo todo da miña parte foi posible", sinalou Señor ante os medios de comunicación.

No que respecta a o seu futuro e finalizando o seu contrato coa entidade granate, Juan Señor avanzou que "eu amo o fútbol, é algo que me plantexarei esta semana, pero loxicamente vou seguir alredor do fútbol. O que non che podo dicir é se aquí ou onde".

O que si asegura o preparador é que o do Pontevedra "é un proxecto interesantísimo, para plantexalo problablemente con algúns cambios e dentro dun contexto diferente ao que eu me atopei".

Por último, en relación ao partido co Depor, Juan Señor defendeu o merecemento dun vitoria que se escapou nos compases finais "cando xorde esa xogada que non está en ningún guión e non a esperas". En todo caso "non tiven ningunha dúbida do compromiso dos futbolistas. Hoxe competiron e fixérono moi ben", defendeu.