Juan Antonio Saavedra, ouro con récord europeo na Copa do Mundo de Nova Delhi

Pontevedra
14 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O tirador pontevedrés, xa clasificado para os Xogos Paralímpicos de París, asinou unha brillante actuación na proba da Copa do Mundo celebrada na India

Juan Antonio Saavedra, tras gañar a medalla de ouro na Copa do Mundo de Nova Delhi World Shooting Para Sport

Brillante actuación de Juan Antonio Saavedra na Copa do Mundo de tiro adaptado celebrada en Nova Deli, na India.

O tirador pontevedrés, xa clasificado para os Xogos Paralímpicos de París 2024, levou a medalla de ouro na proba R6 Carabina Tendida 50 metros SH1, proba na que foi medallista de bronce nos Xogos de Tokyo.

Saavedra asinou ademais un novo récord de España e de Europa cos 627 puntos que logrou na fase de clasificación, tal e como confirma a Federación Española de Deportes de Persoas con Discapacidade Física (FEDDF).

Na clasificación final, o deportista da Boa Vila superou o chinés Chao Dong e a sueca Anna Benson, prata e bronce respectivamente.

Un resultado que reforza o bo momento de Juan Saavedra a poucos meses da cita olímpica en París.