O Pontevedra Club de Fútbol espera unha importante revolución este verán en canto ao número de caras novas que chegarán ao plantel, e é que o club granate non moveu ficha pola maioría de futbolistas que terminaban contrato ao termo da tempada.
Actualmente son nove os xogadores confirmados para o seu novo proxecto entre os que contaban cun ano máis de vinculación como Charles, Rufo, Oier Calvillo, Álex González e Romay, o renovado Churre e os tres primeiros fichaxes nos nomes de Javi Rey, Samu e Pablo Cacharrón. A esa nómina poden sumarse dous homes vinculados á casa como Santi Figueroa e Martín Diz.
Fóra desa lista algúns xogadores comezaron a pechar novo destino, tocándolle este luns a quenda a Jorge Fernández. O asturiano comprometeuse co Zamora CF para competir na Primeira RFEF, segundo fixo oficial o club leonés. Desta forma acompañará a un dos seus ex-compañeiros en Pasarón como Xisco Campos, e xogará na mesma categoría que Eneko Zabaleta (CD Calahorra) e Borja Martínez (CD Castellón).
Jorge pecha a súa etapa en Pontevedra con sensacións agridoces e sen ter chegado a mostrar todo o potencial que se lle adiviñaba. Participou en 21 partidos, 12 deles como titular, anotando dous goles, un deles o que abriu o camiño da salvación na última xornada na goleada fronte ao Oviedo Vetusta.