Jorge e Lezcano marcan diferenzas entre Pontevedra e Rápido de Bouzas (3-0)

Pontevedra
14 de decembro 2017

Ambos os técnicos optaron novamente por aproveitar o partido para dar minutos aos homes que non aparecen habitualmente no equipo titular, xunto a xuvenís e integrantes do filial e o Pontevedra saíu beneficiado de tal circunstancia, dominando o partido completamente, tanto na primeira parte, como na recta final, na que materializou con goles o seu dominio e mellor xogo

Partido de Copa Federación entre Pontevedra e Rápido de Bouzas en Mosteiro Mónica Patxot

Vitoria cómoda e ampla dun Pontevedra que segue adiante na Copa Federación á conta do Rápido de Bouzas, ao que os granates xa venceran na ida no Baltasar Pujales por 0-1. Jorge e Lezcano (2) foron os autores dos goles locais no exilio de Mosteiro, nun partido entretido, con fases de bo xogo pero tamén claroscuros dalgúns dos xogadores non habituais que non aproveitaron a súa oportunidade para reclamar máis protagonismo nos partidos de liga.

Ambos os técnicos optaron novamente por aproveitar o partido para dar minutos aos homes que non aparecen habitualmente no equipo titular, xunto a xuvenís e integrantes do filial e o Pontevedra saíu beneficiado de tal circunstancia, dominando o partido completamente, tanto na primeira parte, como na recta final, na que materializou con goles o seu dominio e mellor xogo.

Boas sensacións deixaron Jorge e Mouriño, moi activos en todo momento, xunto con Álex Fernández na construción de xogo, pero especialmente destacada a achega do mozo Lezcano, autor dos dous últimos goles granates que certificaban a clasificación, o primeiro facendo gala da súa enorme calidade na definición e o que pechaba o marcador acreditando o seu olfacto dentro da área para aproveitar un rexeite do porteiro.

Interesante tamén as achegas de Juan no lateral dereito e de Iñaki Martínez nos poucos minutos dos que dispuxo, que tratou de aproveitar ao máximo deixando mostras de bo facer e prometedor futuro.

Lonxe do que debería esperarse deles estiveron Iván Martín, ausente en demasiados momentos, e Carlos Ramos, que pasou practicamente desapercibido.

Despois duns minutos iniciais nos que a ambos os equipos custoulle asentarse, coa choiva e o vento como inimigos, o Pontevedra fíxose coas rendas e dominou por completo. Un primeiro aviso de  Mongil, que rematou de cabeza fora un saque de esquina, sería a antesala do primeiro gol, tras outro corner en curto que Mouriño serviu para Jorge e este, cunha excelente manobra desde o pico da área de meta, cruzou á media volta, por raso, batendo a Alan.

O Rápido de Bouzas só deu sinal de perigo nun despexe defectuoso de Cantero que deixou o balón nas botas de Carlos Pereira, pero o dianteiro boucense mandou o balón fóra no seu intento de elevar sobre Anxo.

Cantero puido ampliar a conta para o Pontevedra antes do descanso, pero non acertou a rematar a dous metros da portería.

A segunda parte comezou tamén cos granates avisando nunha excelente ocasión nada máis renovarse o xogo, cando Alan rexeita con apuros un disparo de David Castro e Álex Fernández, a pracer, manda ao traveseiro.

A partir de aí rexistrouse unha tímida reacción do Rápido que durante bastantes minutos tivo máis posesión de balón e apoderouse do centro do campo, aínda que só un remate de Claudio, de volea, puxo a proba a  Anxo, que respondeu mandando o balón á esquina.

Superado o ecuador do período o Pontevedra recuperou o mando e Lezcano sentenciaría de forma maxistral ao aproveitar un pase interior de Iván Martín para bater a Alan cunha enorme calidade e sangue frío, tras protexer o balón do acoso dos centrais visitantes.

A aparición de Álex González no campo terminou coas posibilidades viguesas, ao converter nunha autoestrada a banda esquerda dos granates. Iván Martín puido marcar de cabeza, pero evitouno o meta visitante, que non puido impedir que ao fío do tempo regulamentario Lezcano aproveitase un rexeite seu a un lanzamento afastado, para pechar a conta e demostrar que alí onde a outros se lle  nubla a vista el teno moi claro, reivindicando máis minutos no primeiro equipo.

PONTEVEDRA CF (3): Anxo; Juan, Bruno, Mongil, David Castro, Cantero, Carlos Ramos, Álex Fernández (Álex González, minuto 75), Iván Martín, Mouriño (Iñaki, minuto 84) e Jorge (Lezcano, minuto 55).

RÁPIDO DE BOUZAS (0): Alan; Marco, Coti, Junior, Ruxi, Saúl, Claudio, Campelo (Yago Pérez, minuto 46), Carlos Pereira (Isma, minuto 55), Diego Diz (Cristian, minuto 46) e Jorge.

Árbitro: Villanueva Carballo (Galicia), auxiliado nas bandas por Otero Rodríguez e Juncal Moreira. Amoestou a Bruno e Mouriño no Pontevedra, e a Junior, no Rápido de Bouzas.

Goles: (1-0) Minuto 15: Jorge. (2-0) Minuto 73: Lezcano. (3-0) Minuto 90: Lezcano.

Incidencias: Campo Municipal de Mosteiro (Meis). Partido de volta de 1/16 de final da Copa da RFEF. Uns 250 espectadores.