Jéssica Bouzas gaña en Antalya e o tenis galego celebra un torneo WTA unha década despois

O Salnés
31 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Desde 2011, cando Lourdes Domínguez venceu en Bogotá, nigunha tenista da provincia levantara os brazos nun torneo de categoría WTA. Fíxoo este domingo a arousá Jéssica Bouzas ao vencer a romanesa Irina Begu na final do WTA 125 de Antalya, en Turquía. O triunfo deixa a Bouzas ao bordo do Top-100 mundial

Jéssica Bouzas, nun partido en Roma no ano 2023 RFET

Trece anos tiveron que pasar para que o tenis pontevedrés e galego volva celebrar a consecución dun torneo de categoría WTA.

É o tempo que pasou entre a vitoria de Lourdes Domínguez en Bogotá en febreiro de 2011 e a conseguida este domingo pola arousá Jéssica Bouzas no WTA 125 de Antalya, en Turquía, tamén sobre terra batida.

Bouzas chegara á súa primeira final WTA tras unha gran traxectoria no torneo, remontando mesmo en dous dos seus encontros fronte á húngara Panna Udvardy e a rusa Polina Kudermetova, ademais de vencer a española Leyre Romero e xa en semifinais a suíza Simona Waltert.

Na gran final esperaba unha dura opoñente, a romanesa Irina Begu, que chegou a ser número 22 do mundo hai uns anos e que non cedera nin un set no torneo. Medíanse a actual 126 do ranking (Begu) contra a 127 (Bouzas), aínda que coa súa actuación en Turquía Jéssica tiña xa asegurado lograr a partir da próxima actualización o mellor posto da súa carreira, moi preto xa do Top-100.

A tenista galega empezou o partido como un ciclón ao resto, cun dobre break a favor que colocaba o 3-0 no marcador en só 13 minutos, aínda que ao saque chegaban máis problemas, e a súa opoñente recuperaba unha das roturas para manterse preto. 

Foi antes do segundo estirón con tres xogos de novo de maneira consecutiva que pechaban o primeiro set cun claro 6-2 en 44 minutos.

Con maio igualdade comezou a segunda manga, con ambas as dúas tenistas mantendo as súas primeiras quendas de saque ata que no cuarto xogo Irina Begu anotábase un break (1-3). 

Jéssica Bouzas devolveu a xogada no sétimo xogo chegando a empatar 4-4, pero Begu foi finalmente a que levou o set cun 4-6 tras case unha hora de batalla.

Todo se decidiría no terceiro e decisivo parcial e aí volveuse a ver a mellor versión da arousá para pechar o encontro cun 6-2 en dúas horas e 29 minutos de xogo (6-2, 4-6, 6-2).