Haberá cambio no banco do Club Cisne Balonmán tras o descenso do equipo a División de Honra Prata.
A directiva e o adestrador Javier Márquez decidiron separar os seus camiños despois dun ano a pesar de que "estamos moi contentos do traballo que fixo", recoñeceu o presidente cisneísta, Santi Picallo, e é que foron as lesións de homes importantes as que converteron o obxectivo da permanencia en algo aínda máis complicado do inicialmente pensado.
O motivo da decisión radica na redución orzamentaria que "calculamos será de 120.000 ou 130.000 euros menos", asegura o presidente, e que obrigaba a chegar a un acordo para reducir as condicións do adestrador manchego. Nesas circunstancias, manterse lonxe da casa para Márquez facíase á súa vez imposible.
O Cisne, que aínda debe afrontar as dúas últimas xornadas da Liga Asobal, acelera con esta decisión a planificación deportiva da próxima tempada en Prata, e que ata o de agora está marcada polas despedidas de homes importantes como os pontevedreses Álex Chan e Carlos Álvarez.
Polo lado contrario o tamén canteirán Mateo Arias e Gualther Furtado renovaron xa o seu contrato co equipo, ademais de pecharse a fichaxe por tres tempadas do extremo canario Alberto Delgado.