Javier Hermelo, primeira lesión na pretempada do Pontevedra

Pontevedra
29 de xullo 2023

O defensor sufriu o pasado martes no adestramento do equipo un contratempo muscular. O club informa este sábado que sofre unha microrrotura e estará como mínimo 15 días de baixa

Javier Hermelo (centro) nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira PontevedraViva

Primeiro contratempo en forma de lesión na pretempada do Pontevedra Club de Fútbol.

Un das fichaxes estivais, o defensor Javier Hermelo, estará un mínimo de 15 días de baixa debido a unha doenza muscular.

Así o informou este sábado o club granate, tras confirmarse o diagnóstico dunha lesión que se produciu no adestramento do pasado martes 25, celebrado no campo de fútbol da Seca, en Poio.

Hermelo "presenta unha microrrotura na unión miotendinosa distal do músculo peroneo lateral longo da perna esquerda", explica a entidade de Pasarón.

Segundo o parte médico "os prazos de recuperación serán marcados segundo a cicatrización e a evolución da lesión", aínda que "se descarta a súa dispoñibilidade por un período mínimo de 15 días", engade.

Desta forma o defensor será baixa segura non só para o primeiro partido da pretempada, este mesmo sábado fronte ao Racing de Ferrol, senón tamén para os seguintes compromisos amigables.