Javier Gómez Noya e Pablo Dapena reestrean a piscina do CGTD

Pontevedra
11 de maio 2020

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva volveu abrir as súas portas este luns coa entrada en vigor da Fase 1 da desescalada

Javi Gómez Noya e Pablo Dapena na piscina do CGTD

Dous meses despois do peche do Centro Galego de Tecnificación Deportiva polo decreto do estado de alarma, as portas destas instalacións volven estar abertas. Os deportistas seguiron adestrando nas súas casas, pero había rutinas que dificilmente poden realizarse un un piso.

É o caso da natación. Por iso deportistas como Javier Gómez Noya ou Pablo Dapena non puideron resistirse a reestrear a piscina á primeira hora deste luns.

Os triatletas compartiron nas redes sociais a foto e as respostas non tardaron en chegar. Moitos chancearon sobre o ritmo despois de tantas semanas de inactividade.

Aínda que o CGTD xa está aberto, non todos os deportistas poderán facer uso das súas instalacións e os que poden deben cumprir unhas estrictias normas que teñen como obxectivo reducir as posibles transmisións do virus.

"Na fase 1 da desescalada o Goberno permitirá tamén a apertura dos centros deportivos de alto rendemento aínda que neste caso o seu uso estará limitado aos deportistas integrados nos programas aprobados, os deportistas de Alto Nivel, os deportistas de Alto Rendemento e os recoñecidos de interese nacional polo Consello Superior de Deportes", recolle o BOE.