Javi Rey quere ascender co Arosa: "Imos tentalo a matar desde o día a día"

O Salnés
26 de xullo 2024

Durante a súa presentación, o presidente arlequinado, Manolo Abalo, destacou a importancia de Rey para o equipo dirixido por Michel Alonso, afirmando que esta fichaxe completa "un dos mellores equipos dos últimos 20 anos"

 

Presentación de Javi Rey como novo xogador do Arosa Arosa SC

O centrocampista pontevedrés Javi Rey únese ao Arosa, achegando a súa experiencia e calidade para lograr o ansiado ascenso do club.

Durante a súa presentación, o presidente arlequinado, Manolo Abalo, destacou a importancia de Rey para o equipo dirixido por Michel Alonso, afirmando que esta fichaxe completa "un dos mellores equipos dos últimos 20 anos".

Abalo mencionou que aínda falta un dianteiro para pechar o plantel, pero mostrouse optimista sobre as posibilidades do equipo: "Con Javi e todo o equipo que está montado temos un proxecto ilusionante, mellor imposible. Están a facerse ben as cousas, esperemos ir pasando eliminatorias. Pido sorte, porque equipo hai dabondo".

Javi Rey regresa a casa tras varios ascensos e a pesar de ter ofertas fóra de Galicia, a historia do club e o interese mostrado polo Arousa pesaron máis na súa decisión. "Tamén tira ser de aquí", expresou o mediocentro, quen indicou que os seus principais obxectivos durante esta campaña serán "axudar aos compañeiros" e "ascender".

Con todo, a afección terá que esperar, polo menos, "un par de semanas" para poder ver a Javi Rey en acción. O futbolista sufriu unha escordadura durante a pasada tempada que non curou ben e a súa recuperación vai "con calma, pero con sensacións boísimas".

O que tamén tomou a palabra foi o director deportivo arosista Dani Abalo, quen destacou o xogo de Rey e o que poderá achegar ao equipo. "Abarca moito campo, é un xogador gañador de duelos, xoga ben e ten moi boa condución. Xogou de maneira fluída en todos os equipos nos que estivo e teño ganas de velo debutar no Arosa. Desde o primeiro momento que contactei con el era unha prioridade", admitiu. Iso si, "fáltanos o dianteiro, ese xogador de ataque que necesitamos. Temos varios nomes encima da mesa e estamos a esperar", indicou.