Segunda baixa confirmada no Pontevedra Club de Fútbol. Tras a marcha de Romay ao Arenteiro o segundo futbolista en facer oficialmente as maletas é Javi Rey.
O canteirán granate, que asinara o pasado verán por un ano máis outro opcional, non seguirá finalmente en Pasarón poñendo fin á súa segunda etapa no club no que se formou antes de iniciar unha longa carreira en equipos como o Lugo, Celta B, Guijuelo, Logroñés, Badajoz, UCAM Murcia e Racing de Ferrol.
Foi o seu próximo equipo, o Real Avilés, o que confirmou a noticia sen que no Pontevedra se teñan chegado a pronunciar sobre o seu futuro.
— Real Avilés Industrial (@RealAvilesind) July 4, 2022
(@Javi6Rey): experiencia, lucha y equilibrio para el centro del campo
https://t.co/y6hZAWZUCr
pic.twitter.com/cpSqo3Ba0V
"É un novo reto, estou moi contento de fichar por este club", sinalou Rey tras facerse oficial a súa fichaxe en declaracións ao club asturiano, co que competirá na Segunda RFEF.
"Fichar polo Real Avilés supón un novo reto para min. É un gran club", explicou.
Na última tempada co pontevedra, Javi Rey participou nun total de 31 partidos de liga, aínda que só 9 deles como titular ante a gran tempada realizada por Miguel Román. Ademais anotou un lembrado gol, que supuxo o triunfo no tempo de desconto no partido na casa fronte ao Coruxo.