Javi Gómez Noya inicia a súa tempada en Dubái co reto de ser o 'home do millón de dólares'

Pontevedra
25 de febreiro 2015

Será difícil que iguale os resultados do pasado ano, que concluíu co seu cuarto título mundial de tríatlon. Pero el non se obsesiona. Para este deportista afincado en Pontevedra en 2015 o máis importante será asegurar a clasificación olímpica e pensar xa nos Xogos de Río 2016, deseñando a mellor preparación posible

Javi Gómez Noya xunto o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, en Dubái
Javi Gómez Noya xunto o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, en Dubái / PontevedraViva

En apenas 48 horas, Javier Gómez Noya comezará unha nova tempada. Será difícil que iguale os resultados do pasado ano, que concluíu co seu cuarto título mundial de tríatlon. Pero el non se obsesiona. Para este deportista afincado en Pontevedra en 2015 o máis importante será asegurar a clasificación olímpica e pensar xa nos Xogos de Río 2016, deseñando a mellor preparación posible.

Así o asegurou o ferrolano a PontevedraViva e ao resto de medios de comunicación desprazados a Dubái para asistir á entrega do premio ONU-Hábitat a Pontevedra. Nun breve encontro celebrado na cidade árabe, onde Gómez Noya disputará este venres 27 de febreiro a primeira carreira da tempada, o triatleta fixo un repaso das súas expectativas para a campaña que está a punto de comezar.

O seu primeiro desafío será unha curiosa proba. A recén descuberta afección polo tríatlon por parte do príncipe de Bahréin, Nasser bin Hamad Al Khalifa, levou este excéntrico magnate a patrocinar un novo circuíto deportivo. Consta de tres probas da especialidade 70.3 -un medio ironman: 1,9 quilómetros de natación, 90 quilómetros de bicicleta e 21 quilómetros de carreira a pé-, que se celebrarán en Dubái, Omán (agosto) e Bahréin (decembro).

"ÿ un bo test para ver como estamos a principios de ano. Levamos moitos meses sen competir e sempre hai certa incertidume por ver como estás ti mesmo e como andan os teus rivais", explica Javier Gómez Noya. Será un circuíto de gran nivel ao que acudirán os mellores triatletas do mundo. Non é para menos, xa que o premio é suculento. Aquel que gañe as tres probas recibirá un millón de dólares, "premio ao que non estamos acostumados no noso deporte".

A pesar de que non compite dende o mes de outubro, Gómez Noya asegura que "fixen un bo traballo estes meses e vou atopándome ben". Cre que o terá difícil porque "non é unha distancia que eu domine tanto" -a pesar de proclamarse campión do mundo o ano pasado na cidade canadense de Mont Tremblant-, pero aínda así pensa gozar da carreira e intentaremos estar pelexando para gañar".

Sen apenas descanso, o triatleta volverá competir a seguinte fin de semana nos Emiratos Árabes. A capital, Abu Dhabi, será o escenario da primeira proba da Copa do Mundo de tríatlon. "Será un cambio radical, de competir nun medio ironman a unha distancia sprint", apunta Gómez Noya. "A ver como sae a primeira e a partir de aí trataremos de recuperar durante a semana para ver como nos vai na distancia curta".

En todo caso, insiste en que revalidar o título da Copa do Mundo non é a súa prioridade para este ano. "Se gaño o Mundial, perfecto, pero agora mesmo o que máis me motiva son os Xogos Olímpicos e tratar de estar o mellor posible aí", sinala o deportista, que soña con colgarse a medalla de ouro en Río 2016, o único gran trofeo que lle falta na súa espectacular carreira deportiva.

"Esperemos que sexa unha boa semana para Pontevedra e para min", dixo antes de despedirse dos xornalistas, relacionándoo co premio ONU-Hábitat á cidade, un galardón "moi merecido por suposto e espero que non sexa ou último". O triatleta, que vive e adestra dende hai anos a beiras do río Lérez, cre que Pontevedra "está medrando moito como cidade, facendo ás cousas ben e que se recoñeza a nivel internacional é moi positivo".

E sobre todo a nivel deportivo. Os plans de Pontevedra para volver acoller o Mundial de Dúatlon en 2016 e ser a sede dun 'multimundial' coas probas de dúatlon, acuatlón, tríatlon cross e tríatlon de longa distancia en 2017 ou 2018 son vistas por Javi Gómez Noya como unha "gran noticia". Destacou que son probas de "alto nivel" e que atraen moitos deportistas en todas as súas categorías.

Dende o punto de vista persoal, apuntou, "espero estar alí competindo, xa que non estiven no mundial de Dúatlon". Por iso, antes de retomar a súa axenda, Gómez Noya quixo deixar unha mensaxe clara: "farei todo o posible para que se se fai esa proba de nivel en Pontevedra, eu estea na liña de saída". Sexa como sexa, seguro que antes desa data, os pontevedreses seguiremos gozando dos éxitos deste deportista sen igual.