Javi Gómez Noya, bronce nas Series Mundiais de Leeds

Pontevedra
09 de xuño 2019

O triatleta pontevedrés superou, con diferencia, aos irmáns Brownlee, anfitrións da cita, e, pola súa banda, Mario Mola cruzou a liña de meta na vixésima novena posición

Gómez Noya na última volta da cuarta cita das Series Mundiais en Leeds TriathlonLive

Este sábado disputouse, na cidade inglesa de Leeds, a cuarta proba das Series Mundiais de tríatlon de distancia olímpica, onde se esperaba un gran duelo entre os irmáns Brownlee, anfitrións da cita, e os españois Javi Gómez Noya, Fernando Alarza, Antonio Serrat, Vicente Hernández e Mario Mola.

Os británicos non conseguiron os resultados que esperaban, mentres que, o pontevedrés subiu ao terceiro chanzo do podio, por detrás de Birtwhistle e McElroy. O resto do equipo español, pola súa banda, fíxoo moi por diante dos irmáns (Jonathan: 35º e Alistair: 44º).

A competición comezou ao redor das 16:00 horas co tramo inicial de 1,5 quilómetros a nado. O primeiro en saír da auga foi Schoeman, seguido por un grupo importante, no que se atopaba Gómez Noya en 13ª posición. Mola fíxoo na 35ª con 48 segundos de desvantaxe sobre o cabeza de carreira.

Os Brownlee, despois dunha primeira transición moi rápida, complicaron a carreira aos españois, conseguindo poñerse á cabeza do grupo (composto por 28 homes). Durante os 40 quilómetros de ciclismo, o máis novo dos ingleses gañou vantaxe sobre o resto de corredores, mentres que o grupo de Mola perdía, aos poucos, distancia, igual que Noya, que non terminaba de colocarse dos primeiros.

Foi ao longo dos 10 quilómetros a pé que o pontevedrés logrou reducir diferenza, pasando por diante do anfitrión e do alemán Schomburg, ao que alcanzou na metade do percorrido, entre outros. O surafricano Schoeman aumentou a intensidade cando faltaban poucos quilómetros, gañando algúns segundos de vantaxe, rompendo, definitivamente, o grupo de Gómez Noya, Birtwhistle, McElroy e Ward.

Na última volta, cos cinco na cabeza, Birtwhistle conseguiu despegarse, o que lle permitiu levase a vitoria (01:45:12). Por detrás, pero pisándolle os talóns, fixérono McElroy (01:45:19) e o galego (01:45:21).

Consulta os tempos de Javi Gómez Noya en Leeds.