Jácome, Portela, Echegoyen, Corrales e Rodríguez levan ao olimpismo pontevedrés ao salón da fama

Pontevedra
12 de agosto 2021

Os deportistas pontevedreses asinaron no libro de honra da Deputación despois de ser recibidos pola presidenta Carmela Silva no Palacete das Mendoza nun acto de recoñecemento, ao que non puideron acudir Rodrigo Germade, Iván Villar nin Niko Sherazadishvili, polo seu papel nos Xogos Olímpicos de Tokio 

Os deportistas olímpicos da provincia de Pontevedra son recibidos pola presidenta da Deputación Mónica Patxot

Fixeron trasnoitar, vibrar, gozar, chorar e rir a todos os seus paisanos durante a celebración dos Xogos Olímpicos. E este xoves chegou o momento de darlles as grazas por todas esas emocións. Os deportistas da provincia de Pontevedra que participaron na cita de Tokio foron recibidos no xardín do Palacete das Mendoza, en Pontevedra, pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, para, en nome de todos os pontevedreses, destacar o seu esforzo, celebrar os seus logros e trasladarlles o orgullo que todas as súas veciñas e veciños senten cara á súa figura.

"Hai moitos elementos para presumir da provincia e no deporte temos aos mellores de Galicia e España", declarou a mandataria nun breve discurso de benvida antes de darlle a palabra aos verdadeiros protagonistas do acto. Non puideron estar todos. Faltou o judoca Nikoloz Sherazadishvili, o futbolista Iván Villar e o piragüista Rodrigo Germade. Unhas ausencias que se supliron coa naturalidade, carisma e humildade de Teresa Portela, Antía Jácome, Támara Echegoyen, Nico Rodríguez e Rodrigo Corrales.

De perseveranza falou a padeeira Teresa Portela que, aos seus sextos Xogos Olímpicos, logrou a recompensa que tanto perseguira en forma de medalla de prata. "Quería destacar a cantidade de esforzo durante tantos anos que hai detrás", dixo para poñer o foco nos valores do deporte e non nos resultados. "Síntome afortunada de formar parte deste grupo", engadiu. O que non se esperaba eran as palabras do resto dos seus compañeiros que a sinalaron como un exemplo para seguir e confesaron que o seu segundo posto na final do K1-200 foi das máis celebradas de toda a delegación española. 

"O meu irmán díxome que se alegrou máis da medalla de Teresa que da miña", recoñeceu con toda naturalidade o regatista Nico Rodríguez, bronce na modalidade de vela 470. El tamén quixo destacar a figura de Echegoyen, " Támara é nosa líder", dixo despois de agradecer o apoio da Deputación, un discurso que compartiu o propio Rodrigo Corrales, medallista de bronce coa selección española de balonmán.

Agradecida e orgullosa de compartir escenario con deportistas desta talla mostrouse a padeeira pontevedresa Antía Jácome, que debutou en Tokio cun diploma olímpico en C1-200. "Eu acabo de empezar neste mundo", dixo con humildade para agregar que "eles son un exemplo para min".

Pechou a quenda de discursos Támara Echegoyen, cuarta en 49 erFX xunto a Paula Barceló, que quixo facer extensivo o apoio da Deputación non só ao deporte de elite, senón ao de base, como garantía de éxitos futuros. Tamén ela destacou a actuación de Teresa Portela, recoñeceu que "deixa un gran legado" e concorda con ela en que "o deporte é máis un camiño que un resultado".

Para pechar o acto, os cinco deportistas asinaron no libro de honra da Deputación e recibiron un obsequio por engrandecer o nome de Pontevedra e levalo por todo o mundo.