O Pontevedra Club de Fútbol confirmou este mércores unha nova incorporación para a súa secretaría técnica.
Jacobo Maestre será a partir de agora o coordinador deste departamento, no que tamén se atopa Charles Dias, engrosando desta forma a estrutura nos despachos da entidade granate.
Natural de Puertollano (Cidade Real), Maestre ocupaba ata o pasado mes de abril o posto do director xeral do Club Deportivo Estepona, equipo andaluz de Segunda RFEF.
Antes formara parte durante tres tempadas da rede de 'scouting' do Cádiz Club de Fútbol, e previamente desempeñou o cargo de director deportivo nas escolas deportivas de Las Rozas Club de Fútbol.
Licenciado en CAFYD, posúe ademais o título de adestrador, e de feito conta con experiencia nos bancos de Segunda B a cargo do Puertollano (campaña 10-11).
O novo coordinador da secretaria técnica posou coa bufanda do seu novo club, o Pontevedra, desde o céspede do Estadio Municipal de Pasarón.