Jacobo Fernández únese á lista de renovacións do Bádminton Ravachol

Pontevedra
05 de agosto 2023

O xogador vigués é unha das pezas craves do proxecto de División de Honra e desde o club esperan que continúe asumindo protagonismo durante un ano máis  

Jacobo Fernández (centro), co plantel do Bádminton Ravachol festexando a permanencia Bádminton Ravachol Pontevedra

A planificación da nova campaña do Bádminton Ravachol continúa vento en popa coa renovación de Jacobo Fernández, que cumpre tres tempadas co club.

O xogador vigués é unha das pezas craves do proxecto de División de Honra e desde o club esperan que continúe asumindo protagonismo durante un ano máis.

Trátase de "unha das máis ansiadas renovacións" e, á súa vez, "unha prioridade", afirman desde o Ravachol. "Non nos imaxinabamos ningún escenario no que Jacobo non seguise connosco" comentaba o Director Deportivo, Jesús Pereiro.

"As negociacións non puideron ser máis sinxelas, tanto o club como o xogador querían entenderse e unha chamada foi suficiente para pechar o acordo. Loxicamente tivemos que realizar un esforzo para manter a un dos mellores xogadores de España, pero estamos convencidos de que a continuidade de Jacobo é o mellor que podería pasar a este equipo", concluíu.

Con esta renovación, o club confirmou xa a Manuel Brea, Georgina Bland, Leo Van Gysel, Alexandra Oprisan e Benjamin Muir, polo que nos próximos días pecharán acordos xa moi avanzados con varios históricos da entidade e xogadores de casa, mentres que, no apartado de fichaxes, "é moi probable que haxa algunha sorpresa".

CALENDARIO DE LIGA

Doutra banda, o Club Bádminton Ravachol Pontevedra xa coñece o calendario da liga nacional de División de Honra.

Quedaron encadrados no grupo A, xunto ao Pitius de Eivissa, o Paracuellos de Madrid, os asturianos de Oviedo, e os actuais campións, os onubenses do IES La Orden. 

A fase regular comezará o 23 de setembro nun complicado duelo fóra de casa contra o Pitius, mentres que a última xornada será o 9 de marzo en Oviedo.