Jabato dálle o si ao Cisne e volverá adestrar o equipo na División de Honra Prata

Pontevedra
05 de xuño 2023

O Club Cisne Balonmán xa ten adestrador para o seu novo proxecto deportivo, e será un vello coñecido como Javier Fernández 'Jabato', o técnico que asinou os dous históricos ascensos da entidade á Liga Asobal. O Cisne ten previsto facer o anuncio oficial da súa volta nos próximos días

Jabato, no partido de División Honra Prata entre Cisne e Trops Málaga Cristina Saiz

Só un ano despois Javier Fernández 'Jabato' e o Club Cisne Balonmán volven unir os seus camiños.

É certo que o técnico non chegou a desvincularse do todo da entidade pontevedresa, pero agora volve á primeira liña.

Jabato xa deu o si ao Cisne para dirixir a próxima tempada o primeiro plantel na División de Honra de Prata, e a idea do club é facer oficial o seu regreso nos próximos días.

A súa incorporación, tras a marcha de Javier Márquez, é un movemento crave para o equipo á hora de armar o novo proxecto deportivo, que xa conta doutra banda con varios xogadores confirmados como o gardameta Roney Franzini, canteirán Mateo Arias, o caboverdiano Gualther Furtado e o extremo canario Alberto Delgado, ao que Jabato dirixiu na Selección Española Xuvenil.

O preparador de feito compaxinará o seu cargo no Cisne co seu papel na Real Federación Española de Balonmán.

Será a súa segunda etapa no club tras seis exitosas tempadas nas que asinou dous históricos ascensos á Liga Asobal.