Iván Vázquez e Álvaro Cano acompañarán a Michel Alonso no banco do Arosa

O Salnés
22 de xuño 2024

A construción do novo proxecto do Arosa para a nova tempada continúa non só no céspede: Iván Vázquez será o segundo adestrador e Álvaro Cano, o preparador físico

 

Presentación de Míchel Alonso como novo adestrador do Arosa Arosa SC

A construción do novo proxecto do Arosa para a nova tempada continúa non só no céspede: Iván Vázquez será o segundo adestrador e Álvaro Cano, o preparador físico.

A carreira futbolística de Iván estivo sempre ligada ao club arlequinado tanto como xogador como adestrador, pero foi no banco onde atopou o seu sitio. De feito, leva xa dez tempadas adestrando na base do Arosa.

Empezou como segundo adestrador do Cadete División de Honra e pasou polas categorías Benjamín, Alevín e Infantil. Dirixiu tamén o banco do Atlético Faxilde, co que conseguiu o ascenso a Segunda Autonómica. 

Vázquez afronta esta nova etapa "con moita ilusión, con moitas ganas de achegar e de darlle ao míster todo o que pida de min e así poñer o meu granito de area para que o Arosa volva ao sitio que lle corresponde e que merece", afirmou.

Álvaro Cano, pola súa banda, vivirá a súa cuarta tempada xunto a Míchel Alonso tras traballar con el dúas tempadas na SD Formentera e no Compostela.

"Coñezo moi ben a Míchel, somos moi parecidos, temos un nivel de esixencia moi alto", recoñeceu. "Hai por diante un ano moi bonito onde tentaremos ilusionar á afección, facer un bo traballo e gozar todos. Sei que é un sitio onde a xente vai e aperta e iso é un luxo".