Iván García colga a medalla de prata no Open de Sofía de taekwondo

Pontevedra
08 de marzo 2021

Sara Cortegoso e Arlet Ortiz, que tamén competiron en Bulgaria, non puideron pelexar polas medallas

Ivan García tras quedar segundo no Open de Sofía de taekwondo Mat's de Marín

Gran papel de Iván García no Open de Sofía, en Bulgaria. O deportista do Mat's de Marín cultivou un gran resultado internacional que lle permite mirar con optimismo cara aos seus próximos retos competitivos.

Iván, que acudía a Bulgaria representando ao seu club, conseguiu a medalla de prata na categoría de +80 quilos. En primeiro lugar superou o británico Jack Ryan con relativa comodidade, e en cuartos superou tamén o iraniano Sajjad Mardani, deportista ben situado na clasificación mundial. Máis complicada era a semifinal, ante un rival xa clasificado para os Xogos Olímpicos como o kazako Ruslan Zapharov. A pesar da gran envergadura do seu contrincante, conseguiu atopar a súa distancia e meterse na gran final.

Na pelexa polo título viuse as caras contra o turco Emre Kutalmis, triplo campión europeo sub-21, nun combate moi igualado que finalmente se decantou na súa contra. A pesar diso resultado esperanzador para o do Mat's marinense.

Menos sorte tiveron as outras dúas representantes do taekwondo pontevedrés nesta cita. Por unha banda a tamén deportista do Mat's, Arlet Ortiz (-57 quilos), superou dúas roldas cedendo só nos cuartos de final ante a principal favorita e medallista olímpica, a británica  Jade Jones.

En canto á pontevedresa Sara Cortegoso (Mace Sport), que acudía ao Open na estrutura da Selección Española, viuse superada no seu primeiro combate.

Tras esta cita os tres desprázanse agora directamente a Istambul, onde o próximo fin de semana terá lugar o Open de Turquía.