Iván Darriba xogará un ano máis no primeiro equipo do Club Bádminton Ravachol Pontevedra. O xogador estradense de 21 anos seguirá ás ordes de Jesús Pereiro durante o debut do club pontevedrés na liga de Primeira Nacional.
O mozo foi durante a pasada tempada o mellor xogador da liga de Segunda Nacional, con oito vitorias e ningunha derrota.
Ademais, proclamouse campión galego absoluto de dobres mixto e foi unha das pezas crave na fase de ascenso de Palma de Mallorca.
Ao mesmo tempo que esta renovación, coñeceuse que o club formalizou coa Federación Española de Bádminton a intención de participar na liga e, ademais, pechou que Pontevedra sexa a sede da xornada decisiva de Primeira Nacional.
Será os días 2 e 3 de febreiro de 2019, baixo a organización do club e da federación galega. A xornada traerá á cidade aos 16 equipos da liga, nunha fin de semana que será decisiva tanto polo título como polo descenso.