Tres anos despois da súa morte, Suso Morlán volveu sumar unha medalla olímpica. O adestrador pontevedrés que levou á gloria a David Cal, planeando de maneira moi exhaustiva todas as súas tempadas para convertelo en lenda do piragüismo español, engadiu un novo metal ao seu legado.
Trátase da medalla de ouro conseguida polo brasileiro Isaquías Queiroz na proba do C1 1000 metros dos Xogos Olímpicos de Tokyo. O canoísta de 27 anos quixo dedicarlla ao que foi o seu adestrador durante moitos anos, Suso Morlán, grazas ao cal conseguiu tres medallas en Río 2016, converténdose no primeiro atleta de Brasil en lograr tres preseas nunha mesma edición.
Nada máis subirse ao podio, Queiroz mirou ao ceo e gritou: "Morlán, o ouro é teu", dedicando así a vitoria a un dos responsables dos seus éxitos. "Estou moi feliz de poder gañar esta medalla de ouro para Brasil. É unha emoción moi grande, dediqueime moito desde 2016 ata este momento exacto. O noso obxectivo era representar ao noso querido adestrador, Jesús Morlán, que faleceu en 2018. Estou moi feliz de cumprir este soño", declarou Isaquías ao Comité Olimpico Brasileiro.
E con esta xa son nove as medallas da historia do técnico pontevedrés, as cinco de David Cal e as catro de Queiroz, que puido conseguir a quinta no C2 1.000 pero chegou en cuarto posto na final. "Viñemos cun obxectivo: gañar a medalla de ouro de Jesús. Había dous, pero non puidemos. Puidemos cumprir un soño que tiña, que era ser campión olímpico. Moita xente non cría que poderiamos continuar coa obra de Jesús, pero fomos capaces", comentou o piragüista brasileiro.
Morlán trasladouse a Brasil tras a retirada de David Cal para traballar como adestrador na Federación Brasileira, converténdose nun referente dentro da organización dos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro logrando, con Isaquías Queiroz, dúas medallas de prata e unha de bronce.
Diagnosticáronlle un tumor cerebral ese mesmo ano, pero seguiu preparando o camiño do brasileiro ata este mesmo momento, detallando cada paso que debía dar para volver subirse ao podio duns Xogos. E lográrono, nin máis nin menos que un ouro en Tokyo 2020, metal para a historia do deporte en Brasil e en Pontevedra.