Continuidade no banco da Sociedad Deportiva Teucro.
Só unhas horas despois de pechar a tempada do seu primeiro equipo, o club pontevedrés anunciou a renovación de Irene Vilaboa como adestradora para a próxima campaña.
Será o cuarto curso consecutivo de Vilaboa como responsable do banco azul, o segundo que afrontará na Primeira Nacional.
Tras o descenso desde División de Honra Prata, o Teucro afrontou un ano complicado de reestruturación no que acabou pechando a liga sen complicacións pero lonxe dos postos de honra.
Agora, o vicedecano do balonmán nacional dá o primeiro paso para o seu novo proxecto e empeza polos cimentos, renovando á súa adestradora.
"Esta renovación é un paso importante na consolidación e estabilidade do noso club", asegura o Teucro agradecendo o "compromiso e dedicación" mostrada ata o de agora pola preparadora.