Irene Vilaboa chega ao Teucro con "ilusión" e sen verse como pioneira: "a pregunta é por que non hai máis mulleres neste posto"

Pontevedra
04 de xuño 2020

A adestradora viguesa, primeira muller que dirixirá a un equipo das dúas primeiras divisións masculinas de balonmán, fixa a meta do Teucro esta campaña na permanencia, aínda que non esconde que "por que non?" esa sería o seu obxectivo para un futuro a medio prazo

Irene Vilaboa, durante un partido co Bueu Atlético Bueu Atlético

Atafegada por tantas chamadas e mensaxes desde a confirmación da súa fichaxe, Irene Vilaboa empeza a palpar o que significa converterse na adestradora da Sociedad Deportiva Teucro. Así, unhas horas despois facerse público o acordo atendeu a PontevedraViva para repasar a actualidade do seu novo equipo e cales son as súas expectativas no cargo.

"O obxectivo agora mesmo é manter a categoría, é algo fundamental"

"É un reto apaixonante", recoñece, aínda que o primeiro é rebaixar a presión asegurando que nun ano no que se vivirá unha importante reestruturación orzamentaria no club "o obxectivo agora mesmo é manter a categoría, é algo fundamental. Creo que é importante dar un paso atrás para despois avanzar máis firmes".

A pesar diso Vilaboa non esconde o soño que supoñería chegar co equipo ata a Liga Asobal: "Non podemos pensar en ascender nun ano, pero por que non".

A adestradora viguesa asegura que lle sorprendeu a chamada do Teucro, onde compartirá banco coa súa irmá Rosa, pero "a verdade é que me fixo moita ilusión. É un club ao que sigo de sempre. Teño moitos partidos en Teucro, gústame ver partidos do Teucro de antes, un club que ten 75 anos de historia é un club importante", argumenta.

"O primeiro é tentar axustar o persoal ao orzamento"

Confirmada a súa chegada ao equipo, agora toca planificar unha tempada de moita incerteza, empezando por saber como quedará estruturada a División de Honra Prata. Neste sentido "o primeiro é tentar axustar o persoal ao orzamento", asegura, "tentando traballar con xente que xa estaba e reforzar os postos que estean máis  cojos ou menos definidos. Xa estamos a dar pasos con Milucho".

Neste sentido a nova responsable técnica do cadro pontevedrés defínese como unha adestradora "de club" e á que lle gusta "traballar moito con xente da casa", aspecto que tiveron en conta desde a comisión deportiva da xunta xestora teucrista.

Do que escapa Irene é da etiqueta de pioneira, ao converterse na primeira muller que dirixirá a un equipo nas dúas primeiras categorías masculinas do balonmán nacional, neste caso a División de Honra Prata. 

"Recoñezo que tiven problemas por ser muller, pero iso non me freou"

"Recoñezo que tiven problemas por ser muller, pero iso non me freou e nos meus clubs puxéronmo fácil", recoñece. Con todo "non podo ver máis aló da normalidade", defende sobre o seu nomeamento e tras moitos anos de traballo no mundo do deporte, engadindo que "me gusta dicir que eu son adestradora de balonmán". Así, traslada a pregunta "ás persoas que xestionan os deportes de elite: por que non hai mulleres en posto de responsabilidade cando todos sabemos que están perfectamente preparadas?". Unha realidade que segue sendo difícil de explicar.