A ciclista marinense Irene Trabazo chegará á Copa de España que se celebrará en Pontevedra o próximo 1 de decembro como líder do certame na categoría Sub-23.
A corredora do equipo XSM logrou poñerse de líder a fin de semana en Alcobendas, na cuarta cita da Copa, na que ademais asinou o seu primeiro podio na categoría absoluta.
Ante a ausencia dunha das principais favoritas ao triunfo, Lucía González, por atoparse competindo na Copa do Mundo, Aida Nuño tomou o mando desde o inicio da carreira. A sete veces campioa nacional abriu unha cómoda vantaxe ao comezo e despois controlou a situación con solvencia para levar o triunfo.
Por detrás, Trabazo e Paula Díaz demostraron ser as máis fortes tras Nuño, disputándose ata o final a segunda psición, que finalmente caeu por 11 de segundos de diferenza en favor da asturiana e con Irene Trabazo pechando o podio en terceira posición.
Con este resultado, ademais de consolidarse na zona alta do ranking nacional da especialidade, a marinense asegúrase chegar de líder na categoría Sub-23 á penúltima cita do campionato, a que se disputará en casa co Gran Premio Cidade de Pontevedra que terá lugar o citado domingo 1 de decembro na Illa das Esculturas.