Irene Trabazo estará no Mundial de ciclocrós

Marín
24 de xaneiro 2019

A ciclista marinense foi convocada oficialmente polo equipo nacional para disputar o Campionato do Mundo de ciclocrós que se celebrará en Bogense, Dinamarca, os días 2 e 3 de febreiro

Irene Trabazo, na primeira xornada do Campionato de España de Ciclocrós na Illa das Esculturas Mónica Patxot

Desde Marín ata o Campionato do Mundo de Ciclocrós. Irene Trabazo foi convocada oficialmente este mércores polo seleccionador nacional, Pascual  Momparler, para participar no Mundial da especialidade que se disputará os días 2 e 3 de febreiro en Bogense, Dinamarca.

A deportista do Club Ciclista Marín tomará parte na carreira Sub-23 prevista para as 11:00 horas do domingo día 3. Xunto a ela estarán no equipo español Luisa Ibarrola, Paula Díaz e Sofía Rodríguez.

"É moi importante que tomen experiencia neste tipo de probas para que se consoliden e podamos completar un cambio xeracional no noso ciclocrós", sinalou sobre elas o técnico do combinado español.

Trabazo non será a única ciclista galega no Campionato do Mundo de Dinamarca, xa que Iván Feijóo competirá na proba Sub-23 masculina e Carlos Canal na Júnior.

Antes de participar no Mundial, Irene Trabazo competirá a próxima fin de semana na proba da Copa do Mundo de Hoogerheide.