A inxección económica que se garante o Pontevedra por pasar a 1/16 de Copa do Rei

Pontevedra
05 de decembro 2024
Actualizado: 12:32

O club granate ten xa asegurada unha importante achega económica por ter superadas dúas roldas de Copa do Rei, ao que se suma o importe de despacho de billetes, cunha nova gran entrada asegurada

Partido de Copa entre Pontevedra e Villarreal en Pasarón Mónica Patxot

Ademais da alegría deportiva, máis que xustificada, o pase do Pontevedra Club de Fútbol aos 1/16 de final da Copa do rei suporá unha importante inxección económica para as arcas do club granate.

Só por participar no torneo, a liña de axudas da Real Federación Española de Fútbol para os clubs de Segunda RFEF establece unha cantidade de 32.500 euros a cada un dos participantes.

Este importe crece co paso das roldas.

En concreto cada eliminatoria superada supón un máximo de 32.500 euros máis fixos de compensación.

Isto supón que só por esta vía o Pontevedra garantiuse xa 97.500 euros, de chegar a ese importe máximo na xustificación das axudas.

Unha cantidade importante para un club como o da Boa Vila, cuxo orzamento anual das últimas tempadas rolda os 2 millóns de euros.

Ademais a todo iso súmase o importe recadado en despacho de billetes, coa venda de entradas, tanto o día do Levante como, sobre todo, contra o Villarreal nun partido ao que asistiron segundo cifras oficiais 8.192 espectadores, a maioría tras pasar por caixa xa que só os socios contaban co acceso garantido.

Con outro rival de Primeira División asegurado, e por que non soñando cun dos grandes do fútbol nacional como Real Madrid ou Barcelona, este concepto vai disparar aínda máis a que pode que sexa unha das mellores noticias dos últimos anos na casa granate.