Investigadores da UVigo avalían a evolución física do primeiro equipo do Cisne

Pontevedra
13 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Os xogadores do primeiro equipo do Club Cisne Balonmano están a participar desde o inicio da pretempada nunha serie de avaliacións de rendemento a través do Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. O obxectivo deste estudo é obter un conxunto de datos sobre diferentes parámetros do rendemento físico para así definir a carga de adestramento e observar a evolución de cada un deles

Avaliación da evolución física do primeiro equipo do Cisne DUVI

Os xogadores do primeiro equipo do Club Cisne Balonmano están a participar desde o inicio da pretempada nunha serie de avaliacións de rendemento a través do Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

O obxectivo deste estudo é obter un conxunto de datos sobre diferentes parámetros do rendemento físico para así definir a carga de adestramento e observar a evolución dos xogadores. Deste xeito, a través dun conxunto de probas de potencia, forza máxima, velocidade, axilidade ou mobilidade articular, o Laboratorio obtén información sobre máis de 50 variables que permiten "unha avaliación continua do rendemento" e así poder "mellorar o proceso de adestramento", explicou o responsable do laboratorio e decano da facultade, Óscar García.

Con ese propósito, a primeira avaliación grupal produciuse antes de iniciar a pretempada e outra ao seu remate, ás que se sumaron a realizada a final da primeira volta da liga e a que se levará a cabo unha vez rematada. "Estas avaliacións indícannos se os efectos do adestramento axúdannos a manter estable a forma do equipo e a redefinir a planificación en caso de percibir algún efecto non desexado", engadiu o preparador físico do Cisne e investigador do laboratorio, Javier Carballo, que sinalou que estas probas, ás que se engaden outras de carácter individual, realízanse en "momentos estratéxicos".

De feito, estas avaliacións serviron para coñecer o estado de forma dos deportistas, definir as súas cargas desde a pretempada ou "detectar xogadores con determinados riscos de lesións" para así orientar o seu traballo físico e reducir os riscos, "aínda que evitalas por completo é case unha tarefa imposible", lamentou Carballo.

O Club Cisne Balonmano é un equipo que se caracteriza pola xuventude e o potencial, por iso "nós estamos facendo un seguimento do seu rendemento e evolución a nivel condicional" para contribuír en certa forma "a unha mellor construción deste xogadores" ademais de "transferir o coñecemento desenvolvido en materia de investigación ás necesidades que poida ter o club", subliñou Óscar García.

Por último, o presidente do club blanco, Santiago Picallo, calificou de "moi positiva" esta colaboración "polas características do noso equipo. Temos unha preocupación especial polo desenvolvemento físico dos rapaces e para nós este seguimento supón un paso adiante".