Intensidade nos adestramentos e fe na remontada

Pontevedra
11 de xuño 2015

Os xogadores do Pontevedra regresaron este mércores aos adestramentos tras unha xornada de descanso e fixérono convencidos de poder voltear a eliminatoria para meterse na final polo ascenso. "La clave es empezar con intensidad y meter el miedo en el cuerpo al Manzanares", sinala Jorge Rodríguez

Jorge Rodríguez durante o adestramento do Pontevedra en Pasarón Daniel Santomé

O primeiro plantel do Pontevedra retomou este mércores os adestramentos tras a habitual xornada de descanso e fíxoo convencido de lograr a remontada no partido de volta da semifinal polo ascenso ante o Manzanares.

A intensidade déixase notar nas sesións de preparación entre uns xogadores que recoñecen te "muchas ganas de que llegue el sábado" para "poder demostrar que merecemos estar en la fase final", tal e como verbaliza Jorge Rodríguez.

O dianteiro é consciente das cifras goleadoras do equipo nos tres partidos que se xogaron de play-off, cun tanto en tres encontros, pero confía en cambiar esta tendencia o sábado (20:00 horas) porque asegura "el equipo ha estado bien" en liñas xerais.

Jorge Rodríguez: "La clave es empezar con intensidad y meter el miedo en el cuerpo al Manzanares"

Pasarón ditará sentenza e Jorge ten claro cal pode ser a clave para voltear o 1-0 co que regresaron de terras manchegas: "empezar con intensidad y meter el miedo en el cuerpo al Manzanares, que no salgan de su campo y nosotros jugar siempre en campo rival porque a partir de ahí yo creo que las ocasiones y los goles son más fáciles de llegar".

Con esa premisa Luisito prepara variacións tácticas coa intención de poñer en apertos dende o inicio do choque, aínda que o preparador pide calma aos seus para evitar algún erro que poña moi complicada a eliminatoria.

Con Carnero plenamente recuperado e apuntando o once inicial, o técnico granate só contará salvo imprevisto de última hora coas ausencias coñecidas de Benja, Bruno e Adrián Gómez.

VENDA DE ENTRADAS NO CENTRO DA CIDADE

O Pontevedra incorporou dous novos puntos de venda de entradas anticipadas para o choque ante o Manzanares, achegándose ao centro da cidade.

Durante a xornada do xoves os afeccionados poderán retirar a súa entrada na Casa da Oliva e o venres no Café Central, ambos os dous días en horario de 11:00 a 21:00 horas.