O peche do Complexo Deportivo Rías do Sur, iniciado o 11 de marzo coas instalacións de auga e completo desde este venres 1 de abril tras a decisión da empresa concesionaria da súa xestión Supera, chegou á popular plataforma de recollida de firmas Change.org.
Foi o presidente dun dos clubs afectados pola decisión, José Ángel Tellería (Club Waterpolo Pontevedra), o que iniciou unha petición para esixir a reapertura das instalacións deportivas.
Nas súas primeiras 24 horas esta petición sumou máis dun milleiro de adhesións.
"Desde o pasado 1 de abril, a empresa Sidecu SA (Supera), decidiu pechar por completo a instalación e cesar toda a actividade que alí realizaba. Sendo unha das instalacións deportivas referentes non só da cidade de Pontevedra senón de toda Galicia e que xera un gran impacto económico e social na área, é unha situación que consideramos claramente prexudicial para o conxunto da sociedade local", xustifica Tellería pedindo a firma para "unha pronta e satisfactoria reapertura das instalacións do CD Rías do Sur".
Esta acción é unha medida de presión máis dentro das mobilizacións que están a protagonizar as entidades deportivas que desenvolvían a súa actividade na piscina olímpica como son o Club Waterpolo Pontevedra, o Club Galaico Sincro e o Club Natación Galaico, e que suman en conxunto preto de 500 deportistas federados nas súas filas.