Incógnitas por resolver no Pontevedra a poucos días de iniciar a pretempada

Pontevedra
16 de xullo 2024

Sen confirmación oficial para o inicio dos adestramentos, aínda que todo apunta á próxima semana para completar seis semanas de preparación, o Pontevedra debe aínda terminar de perfilar o seu plantel coa incorporación de varios futbolistas sub-23, ao ter xa todas as fichas sénior posibles ocupadas

Saída do túnel de vestiarios do estadio de Pasarón Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol apura os seus últimos días de vacacións antes de que o primeiro plantel volva vestir de curto para iniciar a pretempada.

Aínda sen data oficial para o regreso ao traballo, todo apunta a que se producirá a principios da próxima semana, que comeza o luns 22 de xullo, para así poder completar xustamente seis semanas de preparación antes do debut ligueiro previsto para a fin de semana do 31 de agosto e 1 de setembro.

Antes diso o club granate debe aínda resolver algunhas das incógnitas que seguen sen desvelarse, empezando pola composición dun plantel que con Yago Iglesias ao temón conta xa con 17 pezas confirmadas.

Garay, Dalisson, Samu Mayo, Charly, Chiqui, Edu Sousa e Mario Vizoso contaban con contrato, sumándose á lista os renovados Churre, Borja Domínguez, Álex González, Yelko Pino e Mario Gómez e os fichados Héctor Hernández, Javi Fontán, Iago Novo e Jesús Cambil.

De todos eles só Manu Vizoso é un futbolista en idade sub-23, polo que as 16 fichas sénior posibles xa están ocupadas e os reforzos só poden chegar a través de xogadores menores de 23 anos. É aí onde se centran os esforzos agora da secretaría técnica.

Por zonas, a portería conta xa cos seus dous ocupantes (Edu e Vizoso), mentres que o centro do campo coas chegadas de Novo e Jesús Cambil máis a continuidade de Samu Mayo, Yelko, Dalisson e Borja tamén conta con efectivos. Na defensa pola súa banda os laterais reforzáronse con Javi Fontán e Héctor Hernández, con Churre, Mario Gómez e Garay como especialistas para a zona central, contando con que este último recupere a súa posición natural. Nesta parcela é de esperar a chegada dalgunha peza máis en idade sub-23.

Así pasa tamén nos extremos, onde aínda non se aclarou o futuro de Libasse Guèye tras finalizar o seu contrato coa entidade granate (tampouco o de Azael García), e na dianteira onde a pesar da continuidade dos goleadores Rufo e Charly unha das prioridades é que un novo futbolista sub-23 achegue unha maior competencia e rotación.

Ademais, no apartado institucional, en próximas datas desvelarase a nova camiseta que vestirá o Pontevedra, que pode supoñer o fin da relación coa marca Hummel como provedora. Un dos detalles que cada verán esperan con maio ilusión os afeccionados granates.