Impulso á segunda edición do Trail do Cervo

Cerdedo-Cotobade
23 de outubro 2024
Actualizado: 17:41

A Asociación Eido do Cervo, en colaboración cos concellos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade, organiza a segunda edición desta proba deportiva de montaña

Reunión de coordinación para o II Trail do Cervo Concello de Campo Lameiro

Continuidade para a carreira de montaña Trail do Cervo.

A Asociación Eido do Cervo, en colaboración cos concellos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade, organiza a segunda edición desta proba deportiva.

Terá lugar o domingo 1 de decembro, segundo informaron tras un encontro de traballo no que participaron os alcaldes de ambos os dous municipios, Carlos Costa e Jorge Cubela, xunto a Xiana Fernández-Albor e Manu Torres Abal, representantes da Asociación Eido do Cervo.

O trail contará con dúas distancias. Unha delas será unha ruta longa bautizada como 'Trail da Conla' con 34 quilómetros de percorrido e máis 1.700 metros de desnivel acumulado.

Partirá ás 9.00 horas desde a Praza do Concello de Campo Lameiro para pasar por lugares emblemáticos como o Alto do Cádavo, Alto da Conla, San Antonio de Penalba, a contorna do Parque Arqueolóxico ou os regatos da Lamosa e Painceiros.

Pola súa banda o chamado 'Trail do Maneses' terá a súa saída desde o mesmo lugar ás 9.30 horas para percorrer no seu caso 18 quilómetros con 900 metros de desnivel, tendo como referencia a área recreativa fluvial do Maneses.

Tato Carlos Costa como Jorge Cubela sinalaron sobre este evento deportivo ""a importancia deste tipo de probas en contacto coa natureza e que van collendo cada vez máis forza e participación da xente á que lle gusta facer deporte ao tempo que percorren espazos naturais únicos como os que atesouramos en Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade".

"Todo isto unido á oferta gastronómica e hostaleira son elementos fundamentais para impulsar o territorio desde un punto de vista turístico e de dinamización económica", destacaron.